A Deputación compromete unha axuda económica ao Consorcio Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa | LugoXa
A Deputación de Lugo aporta un 50% máis que a Deputación de Ourense ao Plan de Turismo Sostible da Ribeira Sacra.
Ruta Viño Ribeira Sacra
22 May 2021

A Deputación de Lugo é sensible cunha solicitude dos concellos que conforman a Ribeira Sacra e comprometeulle ao presidente do Consorcio da Ribeira Sacra unha axuda económica para levar a cabo o Plan de Turismo Sostible concedido polo Ministerio de Industria e Turismo nesta zona, e aliviar deste xeito a aportación das entidades locais. A institución provincial lucense comprometeu para este fin un total de 81.000€, un 50% máis de financiamento que a Deputación implicada, como é a Deputación de Ourense, que aportará 54.000€, segundo datos do Consorcio da Ribeira Sacra.  

Esta axuda extraordinaria da Deputación de Lugo supón o 40,5% da aportación dos concellos, que asumen 200.000€ do total de 2M€ do proxecto.

Por outra banda, esta achega da Deputación de Lugo súmase a outras axudas que con carácter ordinario veñen recibindo os concellos a través do Plan Único. Deste xeito, os concellos poderán dedicar parte destes fondos que lles transfire a institución provincial lucense por medio do Plan Único para cubrir a súa aportación ao Plan de Turismo Sostible. Os 13 concellos da Ribeira Sacra lucense reciben da Deputación de Lugo a través do Plan Único un total de 4.327.824,33€, o que supón unha aportación provincial máis superior que a que reciben noutras provincias. Por exemplo, só a través do Plan Único, a Deputación de Lugo inviste 86,5€ por habitante, mentres que no resto da Ribeira Sacra o investimento provincial baixa ata os 50,5€ por habitante, o que significa que a Deputación de Lugo inviste 36€ máis por habitante. 

A isto hai que engadir outros investimentos realizados na Ribeira Sacra a través de investimentos directos e tamén de achegas que se realizan a través da mellora de infraestruturas. Por exemplo, as melloras de estradas realizadas en todos os concellos da comarca, como as executadas na vía que vai de Ferreira de Pantón a Escairón, de Escairón a Paradela, os accesos ao Pazo de Tor, os accesos a Rosende en Sober, e a estrada de Sober a Doade, entre outras. 

A Deputación de Lugo, mesmo facendo xestións co Ministerio de Industria, deu o seu apoio para que o Plan de Turismo Sostible da Ribeira Sacra fose concedido. 

A Deputación de Lugo quere garantizar a sustentabilidade ambiental, económica e social no proceso de consolidación da Ribeira Sacra como destino turístico, que tamén suporá un respaldo á candidatura deste territorio para ser declarado Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera. 

O plan desenvolverase en tres anos e, entre os obxectivos, está propiciar a inclusión da Ribeira Sacra no club de produto turístico Rutas del Vino de España, no que a día de hoxe só hai unha denominación de orixe galega.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18697214126587