A Deputación de Lugo abre a inscrición para as actividades gratuítas na Reserva da Biosfera dos Ancares

LugoXa
A programación inclúe obradoiros de tradicións, artesanía, natureza e apicultura en Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna
Os-Ancares
1 Feb 2026

A Deputación de Lugo abriu o prazo de inscrición para participar nas actividades gratuítas que promove na Reserva da Biosfera dos Ancares, unha programación orientada a fomentar o lecer saudable e a educación ambiental neste espazo natural xestionado pola institución provincial. As propostas están dirixidas a diferentes públicos e desenvolveranse nos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, todos eles integrados na Reserva.

Todas as actividades son de balde e contan con aforo limitado, polo que resulta imprescindible reservar praza con antelación. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición chamando ao teléfono 982 227 813 ou enviando un correo electrónico ao enderezo ancareslucenses@deputacionlugo.org, onde tamén se ofrece información detallada sobre a programación dispoñible.

O calendario arrincará en Becerreá os días 16 e 18 de febreiro cun obradoiro de tradicións do Entroido dirixido a nenos e nenas. A actividade desenvolverase en horario de mañá, de 10:00 horas a 14:00 horas, no Centro Social de Becerreá, co obxectivo de facilitar a conciliación familiar durante estas datas festivas. Neste mesmo espazo impartirase tamén un obradoiro de olería os días 20 de febreiro e 13 de marzo, con 15 prazas dispoñibles.

En Navia de Suarna, a programación continuará durante o mes de marzo con dúas propostas formativas. O 22 de marzo celebrarase un curso de enxerto na Escola de Barcia, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, cun total de 15 prazas dirixidas a persoas adultas. Ademais, o 21 de marzo terá lugar un obradoiro de estruturas vivas na Casa Quindós, situada na aldea de Vilela, que se desenvolverá de 12:00 a 18:00 horas e contará con 8 prazas para adultos.

No concello de Cervantes, o 20 de febreiro organizarase un obradoiro de cestería viva destinado ao alumnado do CPI de Cervantes, que se impartirá en horario de 10:00 a 14:00 horas. Xa no mes de marzo, o día 22, celebrarase un obradoiro de apicultura dirixido a persoas adultas, con 20 prazas dispoñibles, que terá lugar no Edificio de Servizos Múltiples entre as 9:00 e as 14:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.082798957824707