A Deputación de Lugo abre as inscricións da terceira edición de Exploradores de Terras do Miño

LugoXa
O programa gratuíto de educación ambiental para nenos e nenas de entre 6 e 11 anos desenvolverase os venres no Centro de Interpretación a partir do 6 de febreiro
Exploradores-de-Terras-do-Miño-Lugo
29 Jan 2026

A Deputación de Lugo abre este venres o prazo de inscrición da terceira edición de Exploradores de Terras do Miño, unha iniciativa gratuíta da institución provincial orientada á formación en educación ambiental dos máis pequenos da casa. Do mesmo xeito que en anos anteriores, o programa está dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 11 anos e celebrarase todos os venres no Centro de Interpretación Terras do Miño a partir do 6 de febreiro.

As actividades desenvolveranse desde o venres da semana que vén ata o 26 de xuño, en horario de 17:00 a 19:00 horas, agás nos festivos do 3 de abril e do 1 de maio. Durante este período, os participantes poderán realizar propostas como a elaboración dun herbario con follas recollidas na contorna, a aprendizaxe de técnicas de reciclaxe e compostaxe, o coñecemento do ciclo da auga, o recoñecemento de animais da biosfera ou a creación dun mapa con topónimos.

O Centro de Interpretación Terras do Miño, situado no entorno fluvial do río Rato, convértese así nun espazo privilexiado para que os nenos e nenas leven a cabo traballos de sensibilización e concienciación medioambiental en contacto directo coa natureza.

O prazo de inscrición abrirase este venres, 30 de xaneiro, a partir das 8:00 horas, a través da páxina web da Deputación de Lugo, inscricions.deputacionlugo.org. A institución provincial oferta un total de 20 prazas para esta nova edición do programa.

Este proxecto, que acumula xa dous anos cun alto nivel de participación, ten entre os seus principais obxectivos concienciar aos máis novos sobre os problemas ambientais dun xeito lúdico, espertar o seu interese polo coidado do medio e fomentar a adquisición de actitudes responsables orientadas á conservación do entorno natural.

⚙ Configurar cookies
0.079599142074585