A Deputación de Lugo abre o prazo de inscrición para participar nas actividades da Reserva da Biosfera Terras do Miño

LugoXa
A programación inclúe máis de 170 prazas para un total de 10 propostas dirixidas a público infantil e adulto, que se desenvolverán desde xaneiro ata finais de marzo
centro-interpretacion-terras-do-mino-lugo-rato
23 Dec 2024

A Deputación de Lugo abre o prazo de inscrición para participar no novo programa de actividades gratuítas que organiza a institución provincial para fomentar o lecer saudable e a educación ambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño.

A programación inclúe máis de 170 prazas para un total de 10 propostas dirixidas a público infantil e adulto, que se desenvolverán desde xaneiro ata finais de marzo no Centro de Interpretación Terras do Miño.

O primeiro obradoiro, que comezará o 2 de xaneiro e no que poderán participar nenos e nenas a partir dos 4 anos de idade, será sobre Xogos Medioambientais. Neste mesmo mes realizaranse dúas edicións do curso de Poda e a actividade Cultiva e Cociña.

En febreiro, terán lugar dúas edicións do curso de Enxerto, un obradoiro de Plantas Silvestres e outro sobre Técnicas caseiras para preservar os alimentos.

A programación rematará en marzo, mes no que se van desenvolver catro accións formativas: Creación de complementos naturais para o Entroido; A chegada da Primavera; Os hortos en terrazas e balcóns e a Estratexia para a xestión sostible na vida diaria.

As persoas interesadas poderán formalizar a súa inscrición a través das diferentes canles dispoñibles, chamando ao número de teléfono 982 227 812 e 982 305 930, enviando un correo electrónico a und.medioambiente@deputacionlugo.org ou a través dunha web.

0.18066596984863