A Deputación de Lugo abre o prazo para optar a dez hortos urbanos no Parque do Rato

LugoXa
As solicitudes poderán presentarse entre o 15 e o 28 de outubro, unha vez se publique o acordo no BOP
horto-urbano-rio-rato-lugo
4 Oct 2025

A Deputación de Lugo iniciou o proceso para a adxudicación de dez hortos urbanos no Parque do Rato, logo de que rematase o período de catro anos de concesión dalgunhas das parcelas.

Así o explicou a deputada Pilar García Porto, quen detallou que se trata de dez terreos das 150 parcelas dispoñibles que quedaron libres tras vencer o prazo correspondente.

As bases que rexerán a convocatoria manteñen os mesmos requisitos establecidos ata o de agora, entre eles ser maior de idade, estar empadroado no concello de Lugo ou nos municipios limítrofes de Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Friol, Outeiro de Rei ou Guntín, non ter débedas coa administración, carecer de terreos cultivables no municipio lugués e non convivir con persoas que xa dispoñan dun destes hortos.

Segundo explicou García Porto, na adxudicación daranse prioridade a criterios sociais como atoparse en situación de desemprego, representar a un centro educativo ou traballar nun colectivo social. As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes entre o 15 e o 28 de outubro, unha vez se publique o acordo da Xunta de Goberno no Boletín Oficial da Provincia.

A deputada subliñou que con estes hortos urbanos a institución provincial pon á disposición da cidadanía espazos que promoven a agricultura ecolóxica, a conciencia ambiental e o lecer saudable.

⚙ Configurar cookies
0.093286991119385