A Deputación de Lugo achega 35.000 euros a COGAMI para manter o centro terapéutico de Fingoi

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Antón Queiruga Vila, renovaron no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración polo que a institución provincial destinará 35.000 euros ao mantemento do Centro de Atención Diúrna Terapéutica de Fingoi.
Tomé destacou que as políticas sociais son un eixe fundamental da acción de goberno e subliñou que este proxecto contribúe a construír unha sociedade máis igualitaria, onde todas as persoas teñan as mesmas oportunidades con independencia das súas capacidades.
A achega provincial supón o 70 % do orzamento necesario para cubrir os gastos deste recurso, que atende a arredor de trinta persoas con discapacidade. Grazas ao apoio económico, os usuarios e usuarias poden participar en actividades destinadas a mellorar a súa independencia funcional, así como as súas habilidades cognitivas, comunicativas e físicas, favorecendo un desenvolvemento máis autónomo.
Ademais de medios materiais, como equipamento informático, conexión a internet, aulas adaptadas e material de rehabilitación, o convenio permite financiar os custos do persoal, formado por arredor de oito profesionais, entre os que figuran un pedagogo, un educador social, un monitor con coñecementos informáticos, un logopeda e un traballador social.
Este centro complementa outros servizos que COGAMI ofrece noutros puntos da provincia, como programas de intermediación laboral ou obradoiros formativos, iniciativas nas que tamén colabora a Deputación. Neste sentido, a institución provincial destina outros 35.000 euros para impulsar un taller na Ulloa orientado a favorecer a inserción laboral das persoas con discapacidade.