A Deputación de Lugo achega 40.000 euros a Avifauna para fomentar a educación ambiental

LugoXa | TerraChaXa
O convenio permitirá desenvolver un programa de visitas guiadas ao parque zoolóxico para escolares e colectivos da provincia
Sinatura-convenio-AVIFAUNA-Deputacion-Lugo
10 Sep 2025

A Deputación de Lugo asinou un convenio de colaboración coa asociación Centro de Interpretación Avifauna polo que a institución provincial achega 40.000 euros para impulsar a educación ambiental entre escolares e colectivos da provincia.

Grazas a este acordo, desenvolverase o Programa de visitas guiadas “Educación Ambiental orientada á Comunidade Educativa e Asociacións”, co obxectivo de dar a coñecer o funcionamento e a riqueza do parque zoolóxico de Avifauna, situado en Outeiro de Rei, que acolle arredor de 400 aves de 250 especies, algunhas en perigo de extinción ou en programas de conservación.

O programa permite aos participantes coñecer de primeira man a fauna, os seus hábitats e as medidas de conservación aplicadas no parque. Inclúe visitas guiadas adaptadas a distintos niveis educativos, actividades didácticas, explicacións sobre biodiversidade e conservación, e o uso de material interactivo e paneis informativos.

O presidente da Deputación, José Tomé, destacou a importancia do labor de Avifauna “para protexer e conservar as aves, fomentar a educación ambiental e promover a responsabilidade e o respecto cara ao patrimonio natural galego”. As actividades están destinadas a ANPAs, centros educativos públicos, concertados e privados, así como a asociacións sen ánimo de lucro relacionadas coa cultura, a natureza, a educación, a discapacidade e a integración, cun máximo de 50 participantes por grupo para garantir unha atención personalizada.

O programa inclúe percorridos polos diferentes ecosistemas aviarios da comunidade galega, explicacións sobre aves autóctonas e exóticas, hábitos, alimentación, conservación das especies e medidas de protección da biodiversidade, facendo especial fincapé na educación ambiental e na sensibilización para a preservación do patrimonio natural galego.

⚙ Configurar cookies
0.10892820358276