A Deputación de Lugo acolle a presentación de ‘Sempre en Galiza. Escolma posible’

O vindeiro mércores 10 de decembro, ás 19:30 horas, o Salón de Actos da Deputación de Lugo será o escenario da presentación de Sempre en Galiza. Escolma posible, unha nova edición da obra de Castelao preparada por Henrique Monteagudo e acompañada dunha introdución de Xosé Manuel Dasilva.
No acto participarán tamén Efrén Castro Caloto, vicepresidente da Deputación; a deputada de Cultura, Iria Castro; e o director de Editorial Galaxia, Xosé M. Soutullo, que compartirán mesa co editor.
Este volume recupera o espírito da Escolma posible publicada por Galaxia en 1964 tras o Día das Letras Galegas dedicado a Castelao, unha edición elaborada por Marino Dónega pero condicionada polas restricións do franquismo, que impuxeran limitacións e deixaran minguado o peso do pensamento político do rianxeiro. A proposta que agora sae do prelo céntrase exclusivamente en Sempre en Galiza, unha obra que reúne textos de natureza variada, escritos en momentos diferentes e dirixidos a públicos distintos.
A unidade da obra reside no fondo ideolóxico que a percorre e que vertebra a defensa do carácter nacional de Galicia e do seu dereito ao autogoberno, elementos que Castelao colocou sempre no centro da súa reflexión política. Trátase dun libro complexo en certas pasaxes para lectores non especializados, mais considerado imprescindible para calquera persoa interesada na cultura galega.
A escolma realizada por Henrique Monteagudo, director da Cátedra Institucional Castelao da USC, procura ofrecer unha visión fiel e ao mesmo tempo máis accesible da obra, eliminando repeticións e fragmentos secundarios para facilitar a lectura sen desvirtuar o pensamento do autor. O obxectivo é achegar Sempre en Galiza a un público máis amplo e permitir unha comprensión máis directa dun texto fundamental na tradición política e cultural do país.