A Deputación de Lugo acolle a presentación de 'Sempre en Galiza. Escolma posible'

LugoXa
A edición preparada por Henrique Monteagudo, con introdución de Xosé Manuel Dasilva, preséntase o 10 de decembro
sempre-en-Galiza-Escolma-presente
9 Dec 2025

O Salón de actos da Deputación de Lugo será o escenario, o mércores 10 de decembro ás 19:30 horas, da presentación de Sempre en Galiza. Escolma posible, unha nova edición da obra de Castelao preparada por Henrique Monteagudo, quen tamén asina unha escolma que busca ofrecer unha visión máis completa do pensamento político do autor. O volume conta ademais cunha introdución elaborada por Xosé Manuel Dasilva.

No acto acompañarán o editor o vicepresidente da Deputación, Efrén Castro Caloto; a deputada de Cultura, Iria Castro; e o director de Editorial Galaxia, Xosé M. Soutullo, quen participará na explicación do significado desta nova publicación.

Esta escolma retoma e dialoga coa realizada en 1964 por Marino Dónega, un volume que Galaxia publicou coincidindo coa dedicación do Día das Letras Galegas a Castelao. Porén, aquela primeira aproximación presentaba importantes limitacións derivadas da censura franquista, que impediron reflectir con plenitude o pensamento político do rianxeiro. A edición que agora se presenta céntrase exclusivamente en Sempre en Galiza, unha obra composta por textos de diversa natureza escritos en momentos distintos e dirixidos a públicos variados.

A unidade do libro radica no seu fondo ideolóxico e na vontade de defender a identidade nacional de Galicia e o seu dereito ao autogoberno. Pese a que nalgunhas pasaxes pode resultar unha lectura complexa para persoas non especializadas, trátase dun título esencial para comprender a visión de Castelao e a súa concepción do país. Por iso, Monteagudo procura nesta escolma achegar unha versión máis accesible e limpa de elementos redundantes ou secundarios, sen alterar a esencia nin a coherencia da obra.

⚙ Configurar cookies
0.082734107971191