A Deputación de Lugo acolle a xuntanza da Rede Municipalista Solidaria

A Deputación de Lugo acolleu no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos unha das seis xuntanzas organizadas pola Rede Municipalista Solidaria do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O encontro, que foi inaugurado polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, contou coa participación de alcaldes e alcaldesas de varios concellos da provincia, así como representantes locais e organismos implicados en proxectos de cooperación internacional.
A xornada serviu para realizar un exhaustivo balance das iniciativas de cooperación e solidariedade levadas a cabo durante o último ano, ademais de presentar as liñas estratéxicas para os proxectos previstos para 2025.
Rivera Capón destacou a importancia de continuar reforzando os lazos entre os municipios da provincia e de potenciar o papel activo dos gobernos locais como axentes de cambio global. "A solidariedade non entende de fronteiras, e cada pequeno xesto desde os nosos concellos contribúe a construír un mundo máis xusto e máis humano", subliñou.
O deputado tamén resaltou que a Rede Municipalista Solidaria "é sobre todo un espazo para mirar cara adiante", facendo fincapé na necesidade de crear "pontes entre realidades diferentes" e de impulsar o desenvolvemento sostible, así como apoiar proxectos que promovan a igualdade de oportunidades, o acceso á auga, á educación e á saúde.
En liña co compromiso da Deputación, Rivera Capón reafirmou o seu firme apoio á cooperación internacional e á solidariedade, sinalando que "non somos espectadores fronte ás inxustizas globais, somos actores implicados".
Dixo tamén que as políticas públicas locais teñen a forza de transformar realidades e recordou a responsabilidade das administracións locais na promoción de valores como a xustiza social, a igualdade e a sustentabilidade. "Somos quen de mobilizar conciencias, educar en valores solidarios, fomentar a participación cidadá e ser altavoces das causas esquecidas", afirmou.
Finalmente, Pablo Rivera incidiu en que "non podemos esquecer que, dende o local, tamén transformamos o global", facendo referencia aos desafíos globais como o cambio climático, a pobreza ou as migracións forzadas, que tamén son afrontados e traballados a nivel local por cada concello e deputación, implicándose, aprendendo e colaborando.