A Deputación de Lugo acolleu a presentación do libro 'Antes pasábase por aquí' de Sonia Arias

LugoXa | SarriaXa
A escritora estivo acompañada do deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, a quen lle agradeceu "que estea sempre comigo, apoiando cada proxecto"
Presentación-libro-Sonia-Arias
12 May 2025

A escritora de Vidul, Paradela, Sonia Arias, vén de presentar o seu novo libro 'Antes pasábase por aquí', no que rende unha homenaxe ao rural galego, ás súas tradicións, á lingua e á memoria dos pequenos pobos coma o seu.

A escritora estivo acompañada do deputado de Participación Cidadá, Iván Castro, que ademais de representante da institución provincial, é amigo e veciño, a quen lle agradeceu "que estea sempre comigo; é unha persoa que sempre está pendente da xente de Paradela e iso é moi importante para a difusión de todo o que facemos as persoas deste municipio", sostivo.

A obra, que nace dunha lembranza persoal, parte dunha frase que, segundo conta a autora, lle dicía seu pai cando camiñaban polo monte: “Antes pasábase por aquí”. A partir desa expresión, Arias constrúe unha reflexión poética sobre o abandono progresivo do rural e a perda de costumes, lingua e identidade que, para ela, supón unha preocupación e tamén un compromiso.

Pola súa parte, Castro destacou que nesta nova publicación, “Sonia constrúe un tecido de lembranzas e vivencias que nos conecta coa nosa historia recente e coas transformacións que afectan ao rural”. Así, sinalou que ten a virtude de conectar coa xente e de demostrar que desde Paradela, “desde calquera sitio do rural, pódese chegar a calquera lugar”. Asegurou tamén que a Deputación seguirá colaborando con este tipo de proxectos, “apoiando en todo o que poidamos”.

Pola súa parte, Sonia Arias agradeceu tamén á Deputación por darlle a oportunidade de lanzar unha vez máis unha das súas obras, e confirmou que estará na Feira do Libro de Lugo o sábado 17, e tamén presentará o seu libro na Casa da Cultura de Sarria acompañada de César No o día 23 de maio.

UNHA CURTAMETRAXE

Ademais da publicación do seu libro, Sonia Arias, autora de Angels Fortune Editions, encóntrase inmersa coa produtora de Isabel Montes no proxecto 'Mudanza', un relato do libro 'Manchas de frío'.

Así, con esta produtora estase a levar a cabo a preprodución da curtametraxe, que xa conta con inversores iniciais. "Se algunha empresa local da comarca de Sarria está interesada en patrocinar este documental, poden contactar comigo", sostivo Sonia.

Ademais, dispoñen xa dun distribuidor que vai presentar 'Mudanza' en festivais nacionais e internacionais, adquirindo así unha grande difusión para Paradela, Sarria e Lugo, onde será gravado o curto, que estará dirixido polo director de cine Luisje Moyano.

"A intención é ofrecer traballo a empresas locais como tendas, perruquerías, tanatorios, hostelería…", explica a escritora, que se sente moi arroupada pola acollida na súa vila", e deu as grazas adiantadas a todos e as institucións que a apoian neste camiño.

⚙ Configurar cookies
0.13071513175964