A Deputación de Lugo adxudica as obras do desdobramento e a humanización da avenida Infanta Elena

LugoXa
“A primeira fase da renovación de Infanta Elena, que xa leva algo máis de dous anos en servizo, tivo moi bo resultado e está moi ben valorada polos veciños e veciñas”, valorou Pilar García Porto
obras-desdobramento-infanta-elena
20 Dec 2024

A Deputación de Lugo adxudica as obras que completarán o desdobramento e a humanización da avenida Infanta Elena, uns traballos que contan cun investimento da institución provincial de 1,3 millóns de euros; que afectan ao tramo que vai da glorieta Garaballa de Arriba á de Benigno Rivera; e que darán continuidade ao proxecto xa acometido pola Deputación, cun investimento de máis de 1 millóns de euros, no treito que discorre entre o enlace da Avenida Infanta Elena coa Ronda Norte e a Glorieta Paulo Fabio Máximo.

A institución provincial financia integramente os traballos, dos que resultou adxudicataria a empresa Ovisa Pavimentos e Obras SLU, e que terán un prazo de execución de 8 meses unha vez iniciados.

O treito da glorieta da Garaballa á de Benigno Rivera contará con dúas marxes de calzada dun ancho de 10,25 metros cada unha, distribuídas en tres carrís de circulación por sentido. Ademais, a marxe dereita dotarase dun carril bici cun ancho de 3 metros, e no caso das beirarrúas terán máis de 4,05 metros de ancho a ambos lados, con árbores, iluminación, bancos e papeleiras.

Estes traballos inclúen a renovación dos servizos de abastecemento, saneamento e alumeado público, tendo en conta a situación actual e as demandas futuras que poida ter a contorna, como pode ser o desenvolvemento de solos urbanos ou urbanizables.

“A primeira fase da renovación de Infanta Elena, que xa leva algo máis de dous anos en servizo, tivo moi bo resultado e está moi ben valorada polos veciños e veciñas”, valorou Pilar García Porto, para quen a Deputación está a acometer “unha actuación, acorde coa entidade desta Avenida, que é a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo pola súa parte norte; que concentra unha gran actividade comercial; que comunica co polígono industrial do Ceao; e que actúa como distribuidora do tráfico pola cidade”.

⚙ Configurar cookies
0.74468612670898