A Deputación de Lugo apoia as feiras de gando vacún e cabalar da Fonsagrada

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde da Fonsagrada e deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, asinaron un convenio de colaboración polo que a institución provincial achegará 12.000 euros ao Concello da Montaña para contribuír ao financiamento de dúas feiras de gando de referencia na comarca: a 49ª edición do Concurso de Gando Vacún e a 32ª edición do Concurso de Gando Cabalar.
Este acordo compleméntase coa achega do Goberno municipal, que suma outros 1.730 euros, ata acadar preto de 14.000 euros destinados a cubrir os gastos destas dúas citas gandeiras, consideradas as máis importantes do municipio.
José Tomé destacou que esta colaboración se enmarca no programa de Cooperación cos Concellos e no compromiso da Deputación co sector primario, “determinante na economía da nosa provincia e tamén na identidade do noso territorio. Somos unha provincia cunha pegada agrogandeira indeleble e queremos que continúe sendo así, porque é unha actividade económica que xera emprego, riqueza e cohesión territorial”.
Pola súa banda, o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, subliñou o impacto destas feiras na promoción turística do municipio, “porque constitúen un atractivo e nesas datas notamos un incremento de visitantes na vila”.
O investimento conxunto das dúas administracións permitirá financiar o transporte do gando, os premios, o pagamento dos xuíces, a compra dos trofeos e as accións de difusión e promoción do evento, garantindo así a continuidade dunhas feiras que forman parte da tradición e da identidade da Fonsagrada.