A Deputación de Lugo apoia con 10.000 euros o programa integral de ALUCEM

LugoXa
O acordo permitirá atender a 40 usuarios da provincia, incluíndo tamén persoas con ELA e outras enfermidades neurodexenerativas
convenio-Alucem-Lugo
14 Oct 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a presidenta da Asociación Lucense de Esclerose Múltiple (ALUCEM), Nuria Sala Tapia, asinaron na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos un acordo de colaboración polo que a institución provincial achega 10.000 euros para apoiar o programa de atención integral que desenvolve a entidade.

Tomé Roca destacou que “o obxectivo desta iniciativa é cubrir as necesidades específicas dos pacientes que padecen esta enfermidade, especialmente aquelas relacionadas coa fisioterapia e a atención psicolóxica, imprescindibles para garantir o seu benestar físico e emocional”. Subliñou que o proxecto atende a 40 usuarios da provincia e que o criterio de selección inclúe tamén persoas con esclerose lateral amiotrófica (ELA) e outras enfermidades neurodexenerativas.

O presidente da Deputación destacou o traballo de ALUCEM ao longo de case 30 anos, “ofrecendo un apoio fundamental aos seus usuarios, promovendo a súa autonomía e mellorando o seu día a día e o das súas familias”. Reiterou o compromiso da institución provincial con “estes colectivos que realizan un labor esencial para construír unha sociedade máis xusta e solidaria”.

O programa de ALUCEM inclúe actividades psicosociais, como obradoiros de memoria e terapia psicolóxica individual; iniciativas sociais de orientación e información sobre trámites para acceder a prestacións; propostas de rehabilitación con sesións individuais de fisioterapia, clases grupais de pilates e ximnasia de mantemento; así como actividades deportivas adaptadas, entre outras accións.

⚙ Configurar cookies
0.07213306427002