A Deputación de Lugo apoia con 12.000 euros o programa ‘Nós tamén xogamos’

LugoXa
A iniciativa permitiu a celebración de campamentos urbanos para favorecer a conciliación familiar durante o verán
Convenio-ANPA-Santa-María
3 Sep 2025

A representante do ANPA do Colexio de Educación Especial, Mª de los Ángeles Fernández Núñez, asinou co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, un convenio de colaboración mediante o que a institución provincial realiza unha achega económica a esta entidade de 12.000 euros para apoiar o programa 'Nós tamén xogamos'.

Esta iniciativa incluíu unha serie de campamentos urbanos que se realizaron do 23 de xuño ao 24 de xullo co obxectivo de facilitar a conciliación das familias durante a época estival.

Nesta programación participaron nenas e nenos a partir dos 3 anos de idade e realizaron actividades coas que favoreceron a súa autonomía persoal, desenvolveron habilidades sociais para relacionarse de xeito igualitario, abordaron a imaxinación e a creatividade e aprenderon a traballar en grupo.

Ademais, moitas destas propostas baseáronse no xogo, en dinámicas e técnicas de animación como ferramentas fundamentais para que os cativos e cativas participantes puideran aprender dun xeito lúdico.

José Tomé valorou moi positivamente esta programación porque “cando os nenos e nenas rematan o colexio moitas familias teñen que facer fronte a unha serie de dificultades en materia de conciliación. Esta colaboración permitiu que as familias puideran compaxinar as súas vidas profesionais e persoais coa crianza dos seus fillos, unha necesidade real da que somos plenamente conscientes na Deputación de Lugo e por iso apoiamos iniciativas coma esta”.

⚙ Configurar cookies
0.1379189491272