A Deputación de Lugo apoia o programa de ACOPROS para persoas maiores con perda auditiva

Usuarios e usuarias da Asociación de Colaboración e Promoción do Xordo (ACOPROS) reuníronse co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e co deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, para formalizar un convenio de colaboración mediante o cal a institución provincial realiza unha achega económica de 12.000 euros destinada a impulsar o programa 'Apoio integral para persoas maiores con perda auditiva'. O acordo foi asinado pola presidenta do colectivo, Mª Isabel Pazos Nogueira.
Durante o acto, José Tomé destacou o labor de ACOPROS “desde fai case 50 anos na defensa dos intereses das persoas con discapacidade auditiva, sensibilizando á sociedade sobre a realidade da xordeira e promovendo a necesidade de realizar un diagnóstico precoz e a atención desde idades temperás”.
Sobre o convenio, o mandatario provincial sinalou que “vai destinado a apoiar unha iniciativa dirixida a persoas maiores con perda auditiva. Grazas a este apoio, a entidade pode ofrecer atención individualizada a unhas 12 persoas de Lugo, Foz, Burela, Monterroso, Viveiro e Barreiros; e de forma indirecta chega a preto de 150 persoas”.
Tomé fixo fincapé na importancia de prestar apoio ás persoas maiores con perda auditiva, xa que isto mellora a súa saúde e benestar, favorece a súa autonomía, fortalece as relacións sociais e evita situacións de illamento. Reafirmou ademais o compromiso da Deputación coa igualdade de oportunidades e a inclusión, destacando que proxectos como o de ACOPROS contribúen a construír unha sociedade máis xusta e accesible.
O programa busca mellorar a integración das persoas maiores con perda auditiva, potenciando o seu benestar emocional e social, a autonomía e as relacións interpersoais, ao tempo que reduce a vulnerabilidade e o illamento. Ao longo do ano, cada usuario participa en sesións individuais dunha hora centradas nas áreas cognitivas máis necesarias, ademais de actividades de rehabilitación e estimulación, e charlas informativas sobre a relación entre xordeira e deterioración cognitiva.