A Deputación de Lugo avanza nas obras do cinto comarcal do Corgo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa
Esta actuación, que tamén ten valor para Láncara, completarase cunha intervención recentemente adxudicada pola Deputación entre Begonte e Castro de Rei
obras-cinto-comarcal-do-Corgo
19 Mar 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, inspeccionou a evolución das obras na estrada comarcal LU-P-1611, ao seu paso polo municipio do Corgo, unha actuación que conta cun orzamento que supera os 500.000 euros.

O responsable provincial destacou que os traballos avanzan “a bo ritmo” coa pavimentación do firme en dous treitos, e estimou que estarán finalizados a comezos do mes de maio.

Na visita estivo acompañado polo alcalde de Láncara, Darío Piñeiro, e polo deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón.

“Estamos facendo un gran esforzo económico na mellora da rede viaria, destinando este ano o 21% dos nosos recursos a este ámbito, porque a accesibilidade é un dos eixos fundamentais do noso labor institucional. Esta intervención é un exemplo máis desa aposta”, subliñou Tomé Roca.

Ademais, explicou que, xunto aos traballos en marcha no Corgo, a Deputación tamén ten contratadas melloras na vía entre os concellos de Begonte e Castro de Rei, e está desenvolvendo outro proxecto no termo municipal de Castroverde.

A obra, executada pola empresa Francisco Gómez y Cía, comprende o treito entre o Alto de Gomeán e a parroquia de Marei —do quilómetro 0,1 ao 5,6, e outro tramo na zona de Maceda, entre os puntos 6,6 e 7,5.

Os labores inclúen a limpeza das marxes, rehabilitación do firme, asfaltado con aglomerado quente, renovación da sinalización vertical e repintado da calzada. Esta actuación completarase cunha intervención recentemente adxudicada pola Deputación entre Begonte e Castro de Rei, cun investimento próximo aos 350.000 euros, que permitirá mellorar 4,6 quilómetros da vía, afectando á parroquia begontesa de Felmil e á castrense de San Xiao de Mos.

Tomé Roca indicou que estas obras se integran no Plan de mellora da rede provincial de estradas, co que se prevé acondicionar 280 quilómetros ao longo deste ano cun investimento global de máis de 12 millóns de euros.

No caso da LU-P-1611, a institución destinará máis de 2 millóns de euros por treitos. O presidente reiterou a importancia de que a Xunta de Galicia asuma a titularidade desta vía, “pola súa evidente natureza autonómica”.

Pola súa parte, Darío Piñeiro salientou o valor desta obra para Láncara, xa que “é a vía de entrada á autovía, e moitos veciños e veciñas da Pobra de San Xiao utilizan este acceso para incorporarse ao corredor, polo que o acondicionamento da LU-P-1611 nesta zona facilita os desprazamentos de centos de persoas do noso concello”.

⚙ Configurar cookies
0.16956996917725