A Deputación de Lugo avanza nas obras do Parque Central de Galicia, en Antas de Ulla

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a alcaldesa de Antas de Ulla e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, supervisaron os avances nas obras do futuro Parque Central de Galicia, situado na parroquia de San Fiz de Amarante, en Nugallás.
O proxecto, que abrangue unha superficie duns 20.000 metros cadrados, será un novo espazo público e turístico situado xusto no centro xeográfico da comunidade galega.
Durante a visita, os responsables provinciais anunciaron a finalización dos traballos de aglomerado en quente na estrada LU-P-0301, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0,3 e 3,6, que conecta a capital do Concello con Nugallás. Esta actuación tamén incluíu movemento de terras, drenaxe con novas tubaxes e limpeza de cunetas. “É unha obra clave, pois dará servizo a un volume elevado de tráfico, tanto de veciños como de visitantes, ao ser unha vía de conexión cara á provincia de Pontevedra por Rodeiro”, sinalou Tomé Roca.
O presidente explicou tamén que está moi avanzado o acondicionamento do camiño perimetral do parque, sumando ambas intervencións un investimento superior aos 600.000 euros. “Sabemos que este vai ser un polo turístico importante para o concello, a comarca da Ulloa e a provincia, e continuamos a traballar para cumprir co noso compromiso de poñelo a disposición dos veciños e veciñas canto antes”, afirmou.
O PROXECTO
O proxecto está a ser executado pola UTE Ovisa-Provisa e contempla a creación dun espazo completo e accesible.
Entre os principais elementos inclúense un pórtico de entrada, unha praza e un monolito que marcará o punto xeográfico exacto do centro de Galicia, situado nas coordenadas 7º 54’ 38,99” W e 42º 45’ 25,15” N.
Tamén se está a construír un edificio multiusos cunha única planta, que contará cun salón de actos, vestíbulo, aseos adaptados e despacho, así como un templete aberto con columnas de pedra.
A zona infantil ocupará unha explanada de 32 metros de longo por 19,60 de ancho, deseñada para o lecer familiar e actividades escolares.
O complexo tamén disporá de fontes con auga potable, iluminación, sinalización e mobiliario urbano como bancos, mesas de pedra e papeleiras de madeira.