A Deputación de Lugo cede os terreos do polígono industrial a Antas de Ulla

LugoXa
La Diputación de Lugo aprobó en el pleno la cesión gratuita de los terrenos del polígono industrial de Antas de Ulla.
pleno deputación
22 Feb 2022

O Pleno da Deputación de Lugo deste martes acordou por unanimidade a cesión gratuíta ao Concello de Antas de Ulla os terreos destinados a un polígono industrial, unha infraestrutura que non puido desenvolver porque a entidade local non fixo a recualificación necesaria das parcelas de solo rústico a solo industrial, un paso que é imprescindible para poder sacar adiante o parque empresarial.

O PP cambiou o sentido do voto e, mentres no caso da proposta elevada polo Goberno ao Pleno en decembro para ceder ao Concello de Trabada seis parcelas provinciais para desenvolver un polígono se abstivo e criticou a petición da Alcaldesa Mayra García, no caso da solicitude do Alcalde de Antas votaron a favor sen facer ningunha intervención, o que demostra a súa incoherencia.

O informe técnico da Secretaría Xeral da Deputación que basea a proposta de cesión dos terreos ao Concello de Antas recolle que con data de 12 de febreiro de 2007 se asinou un convenio de colaboración entre a Deputación de Lugo, SUPLUSA e o Concello de Antas para a construción dun polígono nos terreos, establecendo este acordo a obriga da Sociedade Urbanística Provincial de elaborar a documentación técnica necesaria para que a entidade local tramitase o procedemento de aprobación do Plan Especial, preciso para a clasificación do solo como urbanizable industrial, sendo obriga do Concello de Antas tramitar este planeamento.

SUPLUSA cumpriu coa súa parte do convenio e redactou a documentación técnica necesaria para que o Concello puidese tramitar o instrumento de planeamento preciso para desenvolver o polígono industrial.

Sen embargo, o Concello de Antas de Ulla incumpriu o convenio porque fixo mal a tramitación e non aprobou a día de hoxe o devandito plan urbanístico.

INCUMPRIMENTOS DO CONCELLO
Desta forma, despois da aprobación inicial do plan polo Pleno en xullo de 2008 e de que o expediente finalizado se lle enviase no 2010 ao Concello para a súa aprobación provisional, en SUPLUSA non consta que procedese á mesma nin que dese ningún paso máis.

O Concello tampouco non contestou a un escrito que lle mandou SUPLUSA en marzo do ano 2012 solicitándolle novamente información sobre a xustificación de necesidade de solo industrial que pedía a Xunta de Galicia, a través da dirección Xeral de Desenvolvemento Sostible da Consellería de Medio Ambiente, dada a existencia do polígono industrial de Monterroso, a menos de dous quilómetros. É dicir, a propia Xunta puxo en cuestión a necesidade deste polígono en Antas.

Para a aprobación provisional do Plan Especial por parte do Concello de Antas, non consta no expediente a solicitude dos informes sectoriais, legalmente esixidos. No expediente e na documentación completa do Plan só se inclúen os informes de Augas de Galicia e do Ministerio de Fomento, sendo obriga municipal, de acordo co convenio, a solicitude de ditos informes, a remisión dende o Concello dos documentos de participación pública e consultas. No expediente non constan as datas nas que se deu publicidade ao planeamento, que debería ter feito o Concello de Antas, no caso de foran realizadas, a entidade local solicitou esta entrega indicando que pretende pedir fondos europeos para materializar o parque industrial, algo que en todo caso non será posible mentres o Concello siga sen aprobar o plan urbanístico municipal para recualificar os terreos.

CONDICIÓNS
As parcelas que a institución provincial cede gratuitamente ao Concello de Antas de Ulla son un total de 16, que suman unha superficie de 45.226 metros cadrados.

A Deputación vincula esta cesión á implantación dun polígono industrial ou agroforestal no concello solicitante, tendo en conta que os fins para os cales se outorga a cesión deberán cumprirse no prazo máximo de 5 anos, debendo manterse o seu destino durante os 30 anos seguintes. Os bens cedidos reverterán, no seu caso, ao patrimonio da Deputación.

0.14182877540588