A Deputación de Lugo celebra a elección de Sirât, de Óliver Laxe, como candidata aos Oscar 2026

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expresou a súa satisfacción polo éxito do director lucense Óliver Laxe, logo de confirmarse que a súa película Sirât foi elixida para representar a España nos premios Oscar de 2026.
Tomé xa transmitiu persoalmente os seus parabéns ao cineasta e subliñou que “é un orgullo para toda a provincia que o talento dun fillo de Navia de Suarna sitúe a Lugo e a Galicia no mapa cultural e cinematográfico mundial”.
O mandatario provincial recordou que Laxe acadou importantes recoñecementos internacionais ao longo da súa traxectoria, como o Premio do Xurado en Cannes para Sirât, que foi recibida cunha ovación de sete minutos. Ademais, destacou que o director consolidou “un estilo único, recoñecible pola súa sensibilidade artística, a súa profunda conexión coa natureza galega e a súa capacidade para fundir o local e o universal nunha linguaxe cinematográfica que emociona en todo o mundo”.
Segundo Tomé, títulos como Todos vós sodes capitáns, Mimosas ou O que arde amosan esa visión do cine como “un acto poético e espiritual, no que as persoas, as súas raíces e a contorna son protagonistas”. Pola súa banda, Sirât, rodada entre Marrocos e Aragón, con escenas en raves reais e unha historia marcada polo simbolismo e a forza humana, confirma a madurez creativa de Laxe, quen nunca esqueceu a súa orixe na aldea de Vilela, en Navia de Suarna. Alí reside e fundou a asociación artística Ser, coa que continúa creando e compartindo cultura desde o rural.
“Óliver Laxe representa unha maneira diferente de facer cine: a súa obra é fonda, contemplativa e humana, mais tamén vibrante e universal”, apuntou Tomé, quen afirmou que é “un orgullo para Lugo contar cun creador que soubo transformar a identidade, a lingua e a paisaxe galegas en arte con maiúsculas”.
O presidente provincial puxo tamén en valor o compromiso da Deputación co impulso cultural e audiovisual, asegurando que “apoiar o talento creativo é apostar polo futuro, pola proxección internacional e polo desenvolvemento cultural e económico da provincia”. Por iso, convidou á cidadanía a celebrar este éxito colectivo e a apoiar a película Sirât: “Porque cando un fillo da provincia brilla, brilla Lugo enteiro, e o talento de Óliver Laxe é un exemplo do mellor que podemos ofrecer ao mundo”.