A Deputación de Lugo celebra o Día da Árbore coa entrega de árbores autóctonas e plantas

LugoXa
A xornada estivo destinada a concienciar á cidadanía sobre a necesidade de preservar as áreas forestais para garantir a supervivencia das especies
Día-da-árbore-Lugo-2025
23 Mar 2025

O deputado de Medio Ambiente da Deputación de Lugo, Carlos López López, participou este venres no acto organizado pola Federación de Asociacións de Veciños de Lugo con motivo do Día da Árbore, unha xornada destinada a concienciar á cidadanía sobre a necesidade de preservar as áreas forestais para garantir a supervivencia das especies.

A institución provincial colaborou activamente neste evento, celebrado no barrio de Galegos de Lugo, achegando 18 exemplares de árbores autóctonas, entre eles loureiros, nogueiras e acivros, e entregando 250 plantas ás persoas asistentes como símbolo do compromiso co coidado da contorna natural.

O acto contou tamén coa presenza do alcalde de Lugo, Miguel Fernández Méndez; da subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez; e do presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, ademais de numerosos veciños e veciñas da cidade que se sumaron á celebración.

Durante a súa intervención, Carlos López felicitou á Federación Veciñal “non só por organizar un ano máis este acto, senón tamén polo seu constante compromiso co coidado do medio ambiente, un compromiso que compartimos desde a Deputación de Lugo, porque cremos firmemente na importancia de preservar a nosa contorna natural”.

O deputado destacou as iniciativas impulsadas pola Deputación nesta materia, “a través das que promovemos políticas de xestión sostible, fomentamos o uso responsable dos nosos recursos naturais e sensibilizamos á cidadanía sobre a importancia do seu coidado, porque estamos convencidos de que o primeiro paso para protexer o medio é valorar o que nos rodea”.

Nesa liña, puxo en valor accións como o programa de hortos urbanos, as actividades gratuítas de educación ambiental ou a posta en valor das Reservas de Biosfera como exemplos do modelo estratéxico que desenvolve a institución provincial.

⚙ Configurar cookies
0.40975189208984