A Deputación de Lugo celebra os Días Europeos da Artesanía con demostracións participativas

A Capela de Santa María acolle estes días un programa de demostracións participativas organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, enmarcadas nas celebracións dos Días Europeos da Artesanía.
A iniciativa contou coa visita do vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, e da deputada de Cultura, Iria Castro, que se achegaron á Capela para presenciar as actividades en directo e apoiar o traballo dos artesáns e artesás da provincia.
Nesta programación están a participar nove profesionais do sector, que traballan en diversas disciplinas como cerámica, coiro, tear, madeira e cartón pedra.
Os asistentes teñen a oportunidade de coñecer en primeira man as técnicas e materiais empregados polos artesáns, podendo incluso experimentar con eles, o que permite unha inmersión total no proceso creativo.
Os responsables provinciais aproveitaron a ocasión para animar á cidadanía a achegarse á Capela durante a fin de semana e participar nas actividades, destacando a importancia de “coñecer en vivo o traballo artesán e valorar o talento e a dedicación dos profesionais do sector”. Ademais, resaltaron a relevancia de sumarse ás celebracións internacionais como os Días Europeos da Artesanía para dar visibilidade ao sector e promover o seu recoñecemento a nivel global.
Entre as visitas destacadas durante a xornada, resalta a do alumnado do CEIP Sagrado Corazón de Lugo, que aproveitou a ocasión para explorar tamén as instalacións do Centrad, centro de referencia en formación e creación artesá na provincia.
A programación continua durante o fin de semana, dando a oportunidade a máis persoas de coñecer de preto o traballo artesanal que se desenvolve na provincia de Lugo.