A Deputación de Lugo celebrou as II Xornadas Feministas = Igualdade

LugoXa
As xornadas incluíron intervencións de destacadas figuras feministas
Xornadas-Igualdade-Deputación-de-Lugo
28 Mar 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, inaugurou as II Xornadas Feministas = Igualdade no Pazo de San Marcos, un acto que pecha as actividades organizadas para conmemorar o Día Internacional da Muller.

O evento contou coa participación de membros da Corporación provincial, alcaldes e alcaldesas, concelleiras, veciños e unha importante representación de alumnado de institutos lucenses.

Tomé destacou que o obxectivo das xornadas é "chegar á mocidade, implicala e facer que participe activamente na construción dunha sociedade máis igualitaria". Subliñou que a igualdade non debe ser vista como unha utopía, senón como un traballo diario presente en todas as políticas e decisións públicas. Ademais, enfatizou que "o feminismo non é un movemento contra ninguén, senón unha loita a favor de toda a sociedade", e recalcou que a mocidade ten un papel clave no cambio social.

As xornadas incluíron intervencións de destacadas figuras feministas, como as creadoras de contido TowandaRebels, que falaron sobre a loita contra a desinformación e os estereotipos en redes sociais. Tamén participaron Cristina Louzán e Priscila Retamozo, de PRISMA Expertas en Igualdade, que abordaron o machismo estrutural e as formas de combaterlo.

A xornada rematou coa actuación da actriz Jazmín Abuín, que presentou o monólogo Riquiña!, unha reflexión humorística sobre as expectativas impostas ás mulleres na sociedade actual.

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, tamén asistiu, destacando a importancia de espazos como este para "construír unha sociedade máis igualitaria desde a educación e o pensamento crítico".

O evento, aberto ao público xeral, tivo como foco sensibilizar á mocidade sobre a igualdade de xénero e a loita feminista.

⚙ Configurar cookies
0.092376947402954