A Deputación de Lugo colabora cunha nova edición da Foliada da Fonsagrada

A Foliada da Fonsagrada celebrará do 5 ao 7 de decembro a súa décima edición co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Baiuca e De Ninghures lideran un cartel que inclúe tamén as actuacións de Unto Vello, El Nido, Delameseta, Os Melidaos e Duendeneta. Ademais dos concertos, o programa ofrece obradoiros de canto, percusión e baile, cantos de taberna, proxeccións e presentacións literarias, configurando unha proposta diversa arredor do patrimonio musical e cultural da comarca.
A deputada de Cultura, Iria Castro, participou na presentación do evento nun acto no Concello da Fonsagrada, onde recoñeceu o labor da Asociación Petapouco e de Destempo pola organización dun encontro que, segundo subliñou, require “moitas horas de traballo” e responde a unha iniciativa “case revolucionaria” para dinamizar o municipio.
Castro destacou que esta colaboración encaixa na aposta da área de Cultura por proxectos vinculados á música tradicional e á creación de base.