A Deputación de Lugo conmemora o 75 cabodano de Castelao cun relatorio e exposicións no Museo Provincial

A programación conmemorativa do 75 cabodano de Castelao, organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, continúa este xoves, 20 de febreiro, cun relatorio especial no Museo Provincial de Lugo.
A conferencia, titulada 'Castelao e as cruces de pedra, os comezos da investigación científica sobre os cruceiros', estará a cargo do etnógrafo Fernando Arribas e terá lugar ás 20.00 horas.
Na súa ponencia, Arribas analizará a obra 'As cruces de pedra na Galiza' de Castelao, subliñando o seu papel como precursor do estudo científico dos cruceiros e a súa influencia en investigacións posteriores.
O relatorio complementará a mostra bibliográfica '75 anos da sinatura de As cruces de pedra na Galiza', dispoñible ata marzo no Museo Provincial. Ademais, os visitantes poderán gozar doutras dúwas exposicións temporais arredor da figura de Castelao. A primeira, 'Castelao: O retorno a Galicia, 1984', recolle medio cento de fotografías de Xan Carballa sobre a volta dos restos de Castelao a Galicia. A segunda, 'Sempre en Galiza (1944-2024)', contextualiza e resume o contido da súa obra cume do pensamento político galeguista.
Visitas guiadas á colección de Castelao
No marco do Ano Castelao, o Museo Provincial de Lugo organiza visitas guiadas ás súa colección dedicada ao autor. Estas visitas terán lugar todos os venres do primeiro trimestre, ás 17.00 horas, e permitirán descubrir as obras de Castelao que forman parte dos fondos propios da entidade.
A maior parte das pezas exhíbense nunha sala monográfica inaugurada en 2010, onde se poden atopar debuxos, gravados realizados con diversas técnicas e unha acuarela, principalmente creados nos anos vinte do século XX.
Esta colección atópase na sala 25 da primeira planta do Museo Provincial. Ademais, dóus óleos sobre cartón, 'Asno e gaivotas' e 'Paisaxe con castiñeiro', están expostos na sala 13, dedicada ás Vangardas Históricas e á Arte da posguerra.
Con estas actividades, a Deputación de Lugo e o Museo Provincial reafirman o seu compromiso coa divulgación do legado de Castelao, contribuíndo a manter viva a súa memoria e o seu impacto na cultura e pensamento galego.