A Deputación de Lugo dá un paso máis para a obra da nova residencia de Cervantes

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación do contrato para a redacción do proxecto e a dirección das obras da nova residencia que se construirá no Concello de Cervantes.
Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen destacou que esta medida representa "un paso máis para continuar avanzando na ampliación da Rede de Centros de Atención a Maiores da Deputación", un servizo esencial para mellorar a atención á terceira idade na provincia.
A licitación, cun orzamento superior aos 110.000 euros, divídese en dous lotes: un para a redacción do proxecto, cun prazo de execución de dous meses, e outro para a dirección das obras, que terá un prazo de seis meses. "Este novo paso é fundamental para que Cervantes poida contar nun futuro próximo cun centro de atención a maiores, xa que é o trámite previo á licitación da construción do edificio que albergará esta dotación", afirmou Pilar García Porto.
A nova residencia estará situada no núcleo urbano de San Román de Cervantes, na rúa Deputación, nunha parcela de 2.716 metros cadrados cedida polo Concello á institución provincial. García Porto subliñou que este equipamento permitirá "ofrecer atención de proximidade ás persoas maiores deste municipio de montaña e tamén da súa contorna, garantindo que poidan envellecer no lugar onde sempre viviron, con todos os coidados necesarios e sen ter que afastarse da súa comunidade e das súas raíces".
A construción desta nova residencia é unha mostra do firme compromiso da Deputación co Concello de Cervantes e reforza a súa aposta pola mellora dos servizos sociais na provincia. A voceira socialista lembrou que, aínda que a creación e xestión destes centros corresponde á Xunta de Galicia, a inacción desta administración fixo que a Deputación asumise a responsabilidade de dar resposta ás necesidades dos veciños e veciñas, especialmente no medio rural.
Un modelo de atención centrado nas persoas
A residencia de Cervantes seguiría o modelo innovador da Deputación de Lugo, que aposta por residencias de pequeno tamaño, integradas nos concellos e cun enfoque centrado na atención personalizada.
Este modelo baséase en unidades de convivencia que favorecen un ambiente familiar e acolledor, mellorando a calidade de vida dos residentes. Deste xeito, cada residente se sente parte dunha comunidade ao tempo que recibe os coidados adecuados segundo as súas necesidades.
A Deputación de Lugo xa conta con nove residencias en funcionamento e outras nove en diferentes fases de tramitación e execución. O modelo de atención que implementa a Deputación ten un radio de 400 residentes por 300 traballadores, garantindo unha atención de calidade e centrada nas persoas. Este enfoque é pioneiro en Galicia e está especialmente adaptado ás necesidades do territorio rural.