A Deputación de Lugo destaca o papel da SD Monterroso na integración das persoas refuxiadas

LugoXa
A Vicepresidencia salienta o compromiso do club coa acollida e a convivencia desde a apertura do centro en setembro de 2024
SD-Monterroso-Deputación-de-Lugo
17 Feb 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo en valor a implicación da SD Monterroso na acollida das persoas que se aloxaron no centro de refuxiados do municipio. O vicepresidente provincial, Efrén Castro, destacou o labor desenvolvido polo club desde a posta en marcha destas instalacións, en setembro de 2024.

Desde a apertura do centro, a entidade deportiva abriu as súas portas ao colectivo migrante, ofrecendo o fútbol como alternativa de lecer e como ferramenta para favorecer as relacións sociais e a convivencia co conxunto da veciñanza. A través dos adestramentos e da participación na dinámica do equipo, as persoas refuxiadas atoparon un espazo de encontro e integración na vida local.

Esta iniciativa contou co respaldo económico da Vicepresidencia, que destinou unha achega de 5.000 euros para a adquisición de material deportivo e para a organización de sesións de preparación e actividades de convivencia. Estas accións converteron o campo de Os Cerdeiriños nun punto de referencia para a acollida e a inclusión.

A semana pasada, o vicepresidente mantivo unha xuntanza coa directiva e con xogadores do primeiro equipo da SD Monterroso, que fixeron balance da experiencia acumulada nestes meses. Durante este período compartiron adestramentos con persoas migrantes e incorporaron ao cadro ao futbolista senegalés Bouba Cissé, reforzando así o compromiso do club coa integración real.

Efrén Castro subliñou a iniciativa e a capacidade de liderado social da entidade deportiva, salientando que desde o primeiro momento se posicionou a favor dos dereitos humanos e da solidariedade. Ao seu xuízo, este traballo contribuíu a normalizar a presenza das persoas migrantes na localidade e mantívose no tempo mediante accións concretas que melloraron a súa calidade de vida e facilitaron a convivencia.

No encontro confirmouse tamén a intención do club de afondar nesta liña de traballo, coa organización dun torneo amigable entre equipos formados por migrantes e coa programación de desprazamentos pola provincia xunto ao primeiro equipo.

⚙ Configurar cookies
0.080531120300293