A Deputación de Lugo destina 22.000 euros á Federación Lucus Augusti

LugoXa
Os acordos inclúen o programa Sementando a Igualdade, a xornada Entre-Parroquias Ribeireñas e o proxecto Os Retos do Rural Lucense, que buscan fortalecer o asociacionismo e dinamizar o territorio
Federación-de-AAVV-Lucus-Augusti-Deputacion
12 Nov 2025

A Deputación de Lugo e a Federación da Asociación de Veciños Lucus Augusti veñen de asinar tres convenios de colaboración polos que a institución provincial destinará un total de 22.000 euros á entidade veciñal.

Estes fondos permitirán desenvolver iniciativas centradas en promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, poñer en valor o rural e fortalecer o tecido asociativo da provincia. O presidente da Deputación, José Tomé Roca, destacou que estas colaboracións “son parte da aposta da Deputación por apoiar o asociacionismo veciñal, promover a igualdade e dinamizar o rural”, subliñando a importancia de situar á cidadanía no centro das políticas públicas.

Un dos acordos permitirá levar a cabo o programa Sementando a Igualdade, unha iniciativa pioneira en Lugo que promove a igualdade de xénero a través do comercio de proximidade.

A Deputación achega 12.000 euros para desenvolver accións que buscan sensibilizar á veciñanza e ao tecido comercial, visibilizar o liderado feminino e fomentar o empoderamento das mulleres mediante redes de apoio e formación. Entre as actividades destacan a creación de materiais distintivos para negocios comprometidos coa igualdade, campañas de difusión, talleres para comerciantes e actividades educativas dirixidas á infancia baseadas no respecto e a cooperación. Ademais, organizáronse encontros de mulleres para intercambiar experiencias, fortalecer redes de apoio e adquirir competencias en liderado comunitario, contribuíndo así a unha sociedade máis xusta e inclusiva.

Outro dos convenios, dotado con 5.000 euros, servirá para apoiar a celebración da Xornada Entre-Parroquias Ribeireñas do Rural do Concello de Lugo. Este encontro, que reuniu no Veral a 300 persoas das 22 parroquias do val do Miño, tivo como obxectivo fomentar a convivencia rural, poñer en valor os produtos autóctonos e reforzar o tecido asociativo do municipio.

O terceiro acordo, tamén de 5.000 euros, destinarase á Asociación Veciñal Lugo en pé… na Defensa do Rural para desenvolver o programa Os Retos do Rural Lucense. A iniciativa busca afrontar desafíos como o despoboamento, o envellecemento, a perda de servizos e a desvalorización do patrimonio mediante accións comunitarias, formación, memoria e cultura. O proxecto inclúe xornadas participativas, mesas de debate, roteiros polo patrimonio, encontros interxeracionais e visitas a experiencias de revitalización rural noutras comunidades, ademais de abordar cuestións como a prevención de incendios e a xestión sostible do monte.

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti é a máis importante de Galicia, con máis de 20.000 socios e case 300 entidades adheridas. O seu labor céntrase en dar resposta aos problemas comúns das asociacións, mellorar a calidade de vida local e fomentar a participación social tanto en áreas urbanas como rurais. Entre os seus obxectivos principais están promover políticas públicas equilibradas, mellorar infraestruturas e conectividade, impulsar a economía e o emprego no rural, garantir servizos básicos e vivenda, e fortalecer a percepción positiva e sostible do medio rural lucense.

⚙ Configurar cookies
0.10995197296143