A Deputación de Lugo destina 250.000 euros á mellora de servizos na Fonsagrada

LugoXa
O investimento permitirá realizar sete actuacións no centro urbano e nas parroquias do sur do municipio
estrada-a-fonsagrada-barrio-castelo
24 Oct 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou un investimento de 249.994,37 euros para a comarca da Montaña co obxectivo de colaborar na rexeneración e dotación de servizos básicos no concello da Fonsagrada. Grazas a este convenio, a Deputación financiará un total de sete actuacións que abranguerán tanto o centro urbano como diversas parroquias situadas ao sur do municipio.

No núcleo urbano da Fonsagrada, os fondos permitirán acondicionar o aparcamento da Avenida de Galicia, considerada unha das principais vías pola intensidade do tráfico, na que a zona destinada a estacionar se atopa moi deteriorada. Tamén se intervirá na rúa Marqués de Rodil, unha vía significativa que dá acceso directo a residencias e establecementos comerciais. Neste caso, a inversión permitirá renovar o abastecemento de auga, o saneamento, a canalización de telecomunicacións e mellorar o alumeado.

No ámbito rural, os fondos servirán para mellorar o abastecemento en Aldobrén e Louxas, instalar unha cuberta nos depósitos de auga de Mazaeda e realizar obras de reforzo e reconstrución dun muro en San Martín de Suarna.

A deputada García Porto subliñou a importancia destas intervencións para a Fonsagrada, “o concello máis extenso de Galicia, con 483,5 quilómetros cadrados, máis de 600 quilómetros de vías asfaltadas e 278 núcleos, o que fai que a súa poboación estea moi dispersa e sexa complexo manter unha boa calidade dos servizos”. Engadiu que “o noso compromiso coa cooperación cos concellos é axudar aos 67 da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos aos veciños e veciñas”.

⚙ Configurar cookies
0.096736907958984