A Deputación de Lugo destina 370.500 euros á USC para impulsar a excelencia formativa do Campus de Lugo

LugoXa
O presidente, José Tomé Roca, enmarcou este convenio dentro do “compromiso do organismo provincial co ensino público superior"
Sinatura-convenio-USC-Deputación-de-Lugo
19 Dec 2024

Fírmase un acordo de colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela, e a Deputación de Lugo polo cal a institución provincial destina 370.500 euros á entidade universitaria para continuar impulsando a excelencia formativa do Campus de Lugo e mantelo como un referente no eido académico.

O presidente, José Tomé Roca, enmarcou este convenio dentro do “compromiso do organismo provincial co ensino público superior, a través dunha achega económica para desenvolver diferentes programas académicos no Campus Lucense”.

En concreto, esta aportación permitirá reforzar os institutos e centros de investigación; mellorar as infraestruturas docentes; potenciar a divulgación científica, colaborando, por exemplo, co campus de verán Xuvenciencia ou con outras actividades, cursos e xornadas; e tamén vai dirixido á promoción de prácticas obrigatorias na Granxa Gayoso Castro da Deputación.

Tomé destacou que a universidade pública é un axente económico que acada cada vez máis peso no PIB lucense: “Forma parte do noso sistema de dereitos universais e debe estar dispoñible en condicións de igualdade para todas as persoas que desexen cursar estes estudos”.

Ademais, subliñouque se trata “dunha universidade que xunta a excelencia académica co arraigo co territorio e que fomenta a colaboración coa empresa e co noso rural, a través da investigación e o retorno do coñecemento. Por todo iso, é un orgullo comprobar que o traballo que se fai neste campus axuda a consolidar á USC nos ránkings das mellores universidades internacionais”.

Neste sentido, José Tomé incidiu no “sinal de identidade” que supón a USC para Lugo e sinalou que desde a Deputación “traballamos sempre dende a lealdade institucional, preservando o desexo de colaboración constante que xera tantos froitos para o alumnado, para o propio persoal universitario e, dende logo, para todo o conxunto da provincia”.

Pola súa banda, o reitor da USC, Antonio López definiu como “esencial” o apoio institucional recibido por parte da Deputación Provincial para fortalecer a investigación, colaborar na docencia e potenciar a divulgación científica que se realiza no Campus de Lugo.

Antonio López tamén destacou que grazas ao pulo da institución tamén se melloran as infraestruturas docentes do Campus de Lugo e faise divulgación científica que permite “poñer en valor a singularidade investigadora deste campus especializado en toda a riqueza que emana do medio rural galego”.

Este é un campus fundamental, continuou Antonio López, “no desenvolvemento do sector agroalimentario e forestal de Galicia” e neste senso, o reitor da USC recoñeceu que o vínculo entre ambas as institucións serve de motor para a sede universitaria luguesa, pero tamén para a provincia e para a comunidade galega no seu conxunto.

⚙ Configurar cookies
0.49834895133972