A Deputación de Lugo destinará máis de 5 millóns de euros ás estradas da Montaña e da Mariña

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres un investimento superior aos 5 millóns de euros para mellorar a mobilidade na provincia.
Así o anunciou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, quen detallou que este orzamento destinarase á rehabilitación de dúas estradas provinciais na Mariña e na Montaña, así como ao contrato de conservación da rede viaria en 53 concellos.
Rehabilitación de estradas na Mariña e na Montaña
Dentro do Plan de Estradas, licitáronse os traballos de mellora na estrada LU-P-5207, que conecta o casco urbano de Ribadeo con Vilela. A intervención abranguerá un tramo de case 3 quilómetros, desde o punto quilométrico 3,400 ata o 6,277, e incluirá a reapertura de cunetas, pavimentación con aglomerado en quente e renovación da sinalización. O orzamento de licitación ascende a 286.984,90 euros, cun prazo de execución de tres meses unha vez iniciadas as obras.
Na Montaña, levarase a cabo a mellora da estrada LU-P-3601, que une os municipios de Negueira de Muñiz e A Fonsagrada a través do Acebo, no límite con Asturias. Neste caso, o tramo afectado será do punto quilométrico 2,384 ao 10,250. Os traballos incluirán a reapertura de cunetas, a creación dun paso peonil de 1,20 metros de ancho, a pavimentación con aglomerado en quente e a reposición da sinalización. A licitación destas obras ascende a 301.812,83 euros e tamén terá un prazo de execución de tres meses.
Máis de 4,6 millóns para a conservación de estradas
Ademais, a Deputación aprobou a licitación do contrato para a conservación da rede viaria en 53 concellos, cun investimento de 4.694.886,65 euros. Este contrato cobre cinco dos oito lotes nos que se divide a rede provincial de estradas.
Segundo García Porto, nas próximas reunións da Xunta de Goberno licitaranse as actuacións nas zonas de Montaña, que requiren condicións especiais debido á súa orografía. En total, a rede de estradas da Deputación abrangue 4.217 quilómetros.
O contrato de conservación aprobado este venres terá unha duración de dous anos, con posibilidade de prórroga por un ano máis.