A Deputación de Lugo destinou 18.000 euros para o estudo da Arnica montana L

LugoXa
O Campus Terra da USC revela novos segredos sobre a árnica (Árnica montana L.
arnica montana
6 Xan 2022

O Campus Terra da USC revela novos segredos sobre a árnica (Árnica montana L.) grazas ás pescudas que están a desenvolver investigadores da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría e da Facultade de Veterinaria da USC ao abeiro do convenio existente entre a USC e a Deputación Provincial de Lugo, que en 2021 destinou 18.000 euros ao estudo desta planta.

Esta nova achega orzamentaria permitiu ao equipo de traballo coordinado polos profesores Manel Vera Rodríguez, da Área de Xenética, e Rosa Romero Franco, da Área de Produción Vexetal, dar continuidade a estudos previos que xa permitiran identificar unha variabilidade xenética importante entre as distintas poboacións de árnica analizadas en Galicia, coa presenza de diferentes grupos poboacionais que apuntan cara a unha relación directa entre a tipoloxía bioquímica e a variabilidade xenética atopada nas distintas poboacións naturais. Logo deste primeiro achado e para evitar a perda de poboacións naturais de árnica, os investigadores do Campus Terra puxeron en marcha en 2018 parcelas de cultivo en Cospeito. Os bancais habilitados nuns terreos da parroquia de Xermar permitiron constatar que é viable domesticar con éxito a Árnica montana L, ao tempo que demostraron que os rendementos produtivos desta árnica cultivada son superiores ás das poboacións silvestres.

Con estes antecedentes e sabendo que a A. montana está presente en todo o norte peninsular, os investigadores da USC optaron por estender os estudos de caracterización morfolóxica, bioquímica e xenética a poboacións doutros territorios da cornixa Cantábrica para coñecer a distribución dos distintos grupos. De feito, no marco deste proxecto este ano analizáronse diferentes poboacións procedentes de Asturias, Castela-León, País Vasco e Cataluña.

Os resultados preliminares destas pescudas, sobre as que está previsto afondar en 2022 cun Traballo Fin de Máster dentro de Máster en Xenómica e Xenética da USC e cunha publicación científica nunha revista internacional, indican que as poboacións situadas na costa cantábrica estarían máis relacionadas coas poboacións galegas de quimiotipo ibérico, mentres que as poboacións de Castela-León e Cataluña estarían máis ligadas ás poboacións da Serra do Courel, que presentan o quimiotipo Europeo. Estas primeiras conclusións subliñan a importancia das poboacións galegas de árnica para o mantemento do grupo ibérico, xa que é en Galicia onde se conservan as mellores poboacións.

ANÁLISES XENÓMICAS
O responsable de estudos xenéticos no marco deste proxecto, Manel Vera completou este ano as primeiras análises xenómicas na especie empregando tecnoloxías de secuenciación de nova xeración (NGS) e xenotipado por secuenciación (GBS), grazas ás que foi posible identificar decenas de miles de polimorfismos nucleotídicos únicos (SNPs) distribuídos ao longo do xenoma.

O emprego destes marcadores, engade Vera, posibilitará a detección de pechadas de selección que poden ser consecuencia de adaptacións ambientais a niveis locais e ou rexionais. Alén da xenómica, tamén se están a analizar na atualidade os patróns bioquímicos das novas localidades incluídas neste estudo en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia (MBG) do Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O obxecto destes estudos é corroborar a relación entre os diferentes grupos xenéticos e os quimiotipos existentes debido ao compoñente de lactonas sesquiterpénicas do tipo helenalina (predominante no quimiotipo europeo) e dihidrohelenalina (predominante no quimiotipo ibérico). Os primeiros resultados coñeceranse a comezos deste ano 2022.

BANCAIS DE CULTIVO 
O 2021 tamén deparou datos interesantes nos bancais de cultivo de árnica habilitados en Xermar, segundo indicou a profesora Rosa Romero, quen precisou que, a pesar dos danos provocados polos roedores, os investigadores observaron como as flores de árnica mantiveron cando non aumentaron o seu peso no terceiro ano de cultivo das plantas, un feito que evidencia “a posibilidade de cultivar Árnica montana L. nas condicións edafoclimáticas presentes en Lugo”. Isto podería ter un dobre efecto positivo, dunha banda axudar a conservación das poboacións naturais, moi mermadas pola sobreexplotación e o cambio de uso do territorio e, por outra, podería ser unha fonte de ingresos para agricultores locais diversificando as súas producións, engadiu Romero, quen tamén se referiu á parcela de cultivo de Árnica montana L. habilitada na finca de prácticas da EPSE para facilitar os labores de control e seguimento.

As propiedades da Árnica montana L., unha planta de uso habitual en farmacia, homeopatía e cosmética, débense ao contido de diferentes compostos bioactivos, responsables das actividades medicinais da planta. O abastecemento dos mercados (a demanda anual é ao redor das 50 toneladas de flor seca) faise fundamentalmente a partir de material procedente das poboacións naturais. Esta extracción intensa e continuada xunto cos cambios de uso do territorio, levou a unha diminución de moitas das súas poboacións, ata comprometer a súa supervivencia ou mesmo desaparecer.

En Galicia, explicou Romero, non hai ningún tipo de lexislación restritiva á recollida e comercialización desta planta, malia a que presión sobre a súas poboacións en moi intensa, dado que o quimiotipo ibérico ou español é o máis demandado por resultar menos alerxénico que o centroeuropeo. De ahí que o cultivo se antolle como unha alternativa á perda definitiva das poboacións naturais.

0.21955299377441