A Deputación de Lugo e a Tradescola valorizan o papel de Lugo na historia da zanfona

LugoXa
A través duns vídeos, destacan tanto a historia como o traballo do taller Obradoiro de Instrumentos Tradicionais, fundado en 1951 polo mecenas Antonio Fernández
Alumnado-Tradescola-foto-de-Martín-Blanes
11 Nov 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo, en colaboración coa a asociación de Gaiteiros Galegos, a través da Tradescola, presentan o vindeiro 14 de novembro ás 19.00 horas na Deputación de Lugo, unha serie de vídeos destinados a valorizar o papel de Lugo na historia da zanfona, un instrumento tradicional de gran relevancia cultural en Galicia e Europa.

Os vídeos, que están promovidos pola área de Artesanía e Deseño, e producidos en colaboración coa Asociación de Gaiteiros Galegos, destacan tanto a historia como o traballo do taller Obradoiro de Instrumentos Tradicionais, fundado en 1951 polo mecenas Antonio Fernández.

Este emblemático taller foi clave na preservación e rexurdimento da zanfona, inspirando a novas xeracións e aumentando o interese de nenos e adultos por aprender a tocala.

A parte musical dos videos corre a cargo do alumnado de zanfona da Tradescola, que guiados polo seu mestre Germán Díaz, impulsor desta iniciativa, e acompañados polos mestres da Tradescola Miguel Anxo López e Lucía Eiros, pretenden amosar a riqueza musical e cultural de Lugo e a súa conexión histórica con este instrumento tradicional, cunha clara aposta por consolidar a cidade como un referente internacional para a zanfona.

O traballo conxunto das distintas institucións pretenden proxectar Lugo como capital deste instrumento e atraer o interese de Europa e do resto do mundo a unha colección tan única como é a colección de instrumentos existente no Centro de Artesanía e Deseño, e a unha historia vinculada ao patrimonio e á cultura Galega ademais de incrementar o número de persoas que se interesen por este singular instrumento.

A campaña quere impulsar o recoñecemento deste patrimonio único e achegar a beleza e singularidade deste instrumento a todos os públicos, e incide no traballo que a área de Artesanía e Deseño desenvolve para a súa proxección e estudo coa organización, desde 2020, dos encontros Celme de Zanfona que reúnen cada ano en Lugo a referentes internacionais na investigación, construción e interpretación deste instrumento de orixe medieval.

0.077556133270264