A Deputación de Lugo e a USC presentan a terceira edición de Ciencia á Feira

LugoXa
O proxecto de ciencia comunitaria amplía o seu alcance con novos materiais audiovisuais sobre investigación punteira do Campus de Lugo
Ciencia-á-feira-presentacion-25-Lugo
26 Nov 2025

Presentouse a terceira edición de Ciencia á Feira, o proxecto de ciencia comunitaria impulsado polo grupo de innovación docente XuvenCiencia do Campus de Lugo. A iniciativa conta co apoio da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, que financian esta nova entrega.

Nesta edición, a labor divulgativa concrétase na produción dunha serie de materiais audiovisuais centrados nos ámbitos e proxectos de investigación máis avanzados que se desenvolven no Campus Terra da USC. O obxectivo é facilitar a súa difusión a través de webs educativas, asociacións comunitarias, espazos institucionais e redes sociais, ampliando así o alcance da ciencia que se fai en Lugo.

As temáticas abordadas nos vídeos inclúen cuestións de gran relevancia actual: as enfermidades transmitidas por carrachas, o impacto das velutinas, a xestión sustentable da auga, a resistencia a antibióticos, o valor cultural e social do monte comunal, as posibilidades dos mercados de carbono ou a función das micorrizas e dos microenxertos na xestión forestal. A serie incorpora ademais unha acción específica orientada a promover as carreiras STEM entre nenas e adolescentes, fomentando vocacións científicas en idade temperá.

Na presentación participaron a coordinadora do proxecto, Inma Orjales, e a subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López. O deputado de Rural, Daniel García, destacou a importancia de “achegar o coñecemento científico e tecnolóxico á cidadanía para fomentar o pensamento crítico e o empoderamento social”, e subliñou a necesidade de consolidar a ciencia “como unha ferramenta accesible, útil e transformadora na vida cotiá das persoas”.

Os materiais, producidos por Martín Blanes, contan coa preparación e supervisión de persoal investigador e docente do Campus de Lugo da USC. A súa difusión estenderase ao longo do curso 2025/2026 mediante publicacións periódicas. O primeiro vídeo estreouse esta mesma tarde e xa se pode ver na canle de Youtube de XuvenCiencia.

⚙ Configurar cookies
0.13429093360901