A Deputación de Lugo e a USC renovan o convenio de colaboración con 370.500 euros

LugoXa
O acordo permitirá reforzar a investigación, mellorar infraestruturas, promover prácticas e apoiar a divulgación científica
presidente-Deputacion-e-Campus-de-Lugo
11 Sep 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, renovaron este xoves no Pazo de San Marcos o convenio de colaboración entre ambas entidades polo que a institución provincial achega 370.500 euros á USC para financiar diferentes iniciativas destinadas a potenciar o Campus de Lugo e manter a súa excelencia académica.

Tomé Roca destacou que este acordo se enmarca no compromiso da Deputación co ensino superior público, lembrando que Lugo é a administración local española que máis recursos destina á universidade. O presidente provincial subliñou que o convenio abrangue actuacións como o reforzo dos centros de investigación, o fomento da divulgación científica e o apoio á promoción da formación práctica e das case vinte titulacións que se imparten no Campus de Lugo. Tamén resaltou que se trata dun campus de especialización cun profesor por cada dez alumnos, o que garante unha atención individualizada e unha calidade docente exemplar, reforzada coa achega provincial que permite novas infraestruturas, innovación tecnolóxica e facilidades para a formación práctica.

Pola súa banda, o reitor Antonio López puxo en valor que a actividade investigadora e de transferencia do Campus de Lugo resulta crucial para o avance dos sectores agroalimentario e forestal de Galicia. Lembrou que, como Campus Terra, é un espazo no que se xera o coñecemento que moderniza o rural galego, polo que a colaboración institucional é indispensable. Agradeceu á Deputación a súa contribución, que reforza institutos e centros de investigación e permite manter e mellorar o campus, ademais de ter un claro impacto social. López incidiu na importancia da divulgación científica e da cooperación provincial para impulsar prácticas na Granxa Gayoso Castro e en empresas que favorecen a inserción laboral do estudantado.

O convenio inclúe liñas de actuación como o apoio a institutos e estacións biolóxicas, o mantemento e mellora do campus, a promoción da divulgación científica a través de iniciativas como o campus de verán Xuvenciencia ou outras actividades de transferencia, unha campaña de difusión das titulacións, accións no Museo Domus do Mitreo e o impulso das prácticas académicas.

Ademais, o presidente provincial lembrou outras colaboracións con USC, como a cesión gratuíta de terreos para construír a nova Facultade de Formación do Profesorado, o uso da valgada do campus para proxectos tecnolóxicos como a gaiola de drons, unha achega de 9.500 euros para investigacións en innovación tecnolóxica ou a dispoñibilidade da Granxa Experimental de Leite para prácticas do alumnado.

⚙ Configurar cookies
0.17416787147522