A Deputación de Lugo e ASEFOGA colaboran para impulsar o cultivo sostible de froitos do bosque

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O acordo permitirá abrir nove oficinas de asesoramento no rural e consolidar unha parcela piloto como proxecto de innovación agraria
convenio-ASEFOGA
18 Aug 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou un convenio de colaboración co presidente da Asociación Sectorial Forestal Galega (ASEFOGA), Jacobo Feijóo Lamas, polo que a institución provincial achega 40.000 euros para dar continuidade a un proxecto conxunto destinado a promover o cultivo sostible de froitos do bosque como oportunidade económica para o rural da provincia.

Tomé destacou a importancia de impulsar “propostas con retorno social e económico para o rural, que xeren oportunidades e que conecten a xestión responsable do territorio cun modelo produtivo sostible e con futuro”.

O acordo recolle a creación dunha rede de nove oficinas físicas de asesoramento situadas nos concellos de Becerreá, Chantada, A Fonsagrada, Guitiriz, Lugo, Monterroso, Viveiro, Sarria e Vilalba. Nelas, persoal técnico especializado ofrecerá atención personalizada e material divulgativo gratuíto, ao tempo que tamén se prestarán servizos a distancia mediante medios dixitais e redes sociais.

Ademais, grazas á colaboración provincial, realizarase un seguimento constante da parcela piloto de froitos do bosque establecida na provincia, asumindo labores de mantemento como podas, reposición de exemplares ou recollida da colleita.

Os froitos do bosque, como arandos, framboesas ou moras, destacan pola súa adaptabilidade a condicións adversas, pola crecente demanda de mercado e pola súa viabilidade en pequenas parcelas, moi frecuentes en Lugo. Este proxecto supón un paso adiante cara a un rural innovador, vivo e sostible, que combina tradición e modernidade para xerar riqueza, fixar poboación e preservar o patrimonio natural.

⚙ Configurar cookies
0.1836531162262