A Deputación de Lugo e o CB Breogán difunden o Proxecto Ariadna no partido deste sábado

LugoXa
A iniciativa promove a creación dun mapa colaborativo de desfibriladores e a activación da axuda cidadá ante emerxencias cardíacas
partido-CB-Breogán-visibilizar-Proxecto-Ariadna
23 Jan 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e o CB Breogán dedicarán o partido deste sábado entre o CB Breogán e o Real Madrid, que se disputará ás 19.00 horas, a dar a coñecer o Proxecto Ariadna, unha aplicación impulsada pola Sociedade Española de Cardioloxía, a Fundación Española do Corazón e a Cruz Vermella co obxectivo de crear de maneira colaborativa un mapa de desfibriladores.

A iniciativa foi presentada esta mañá polo vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, e polo director xeral do CB Breogán, Salva Arco, acompañados por Carlos G. Juanatey, responsable do Servizo de Cardioloxía do HULA, que destacou a importancia de contar con desfibriladores en recintos deportivos e espazos que acollen eventos multitudinarios.

A campaña de difusión coincidindo co encontro fronte ao Real Madrid busca implicar á afección breoganista no uso desta aplicación, que permite activar a axuda cidadá ante unha urxencia cardíaca ao ter localizados tanto os desfibriladores externos automáticos como as persoas con formación en RCP e DEA máis próximas.

As persoas usuarias poden colaborar como rastrexadoras, informando e validando a localización e o estado dos desfibriladores existentes. Ademais, aquelas que dispoñan de formación específica no manexo de desfibriladores poden rexistrarse como colaboradoras para recibir avisos da aplicación no caso de producirse unha emerxencia no seu entorno.

A campaña, encadrada no acordo de patrocinio entre a institución provincial e o CB Breogán, reforza a mensaxe de que a prevención e a rapidez de actuación son determinantes para salvar vidas, xa que cada minuto resulta crucial cando se produce unha parada cardíaca.

O obxectivo é tamén converter o Pazo dos Deportes, que conta con tres desfibriladores —un xestionado polo Servizo de Prevención da Deputación e dous polo CB Breogán— nun recinto deportivo pioneiro na capacidade de resposta ante unha parada cardiorrespiratoria, combinando recursos técnicos cunha comunidade concienciada e formada.

Ademais do dispositivo instalado no Pazo, a Deputación de Lugo dispón de desfibriladores externos automáticos nos Centros de Atención a Maiores, nos catro museos da Rede Provincial, no Fogar de Santa María, no Arquivo Provincial, na Granxa de Castro Riberas de Lea e no propio Pazo de San Marcos. Todos estes dispositivos están rexistrados polo 061, polo que se atopan a disposición da cidadanía ante unha emerxencia, tanto no interior dos edificios como no seu entorno.

⚙ Configurar cookies
0.13460803031921