A Deputación de Lugo e o Concello de Negueira de Muñiz financian un vehículo para producir formigón

O investimento de máis de 150.000 euros permitirá ao municipio gañar autonomía e reducir custos nas obras locais
Convenio-Negueira-de-Muñiz
15 Oct 2025

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Negueira de Muñiz, José Manuel Braña Pereda, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración para financiar conxuntamente un vehículo con capacidade para producir, mesturar, transportar e descargar formigón.

A institución provincial achega algo máis de 145.000 euros e o Concello outros 8.000 euros, acadando un orzamento que supera os 150.000 euros, co obxectivo de que este municipio da Montaña lucense poida ser máis autosuficiente na execución das súas obras.

“Se queremos que a xente quede no rural hai que dotalo de servizos útiles”, valorou o mandatario provincial, quen explicou que “na comarca da Fonsagrada quedaron sen fábrica de formigón e levalo de lonxe é complicado e caro; por iso esta colaboración é tan importante, porque permitirá que un concello pequeno da nosa provincia poida aforrar custes e gañar eficiencia”.

Tomé Roca destacou que a Deputación axudará a Negueira de Muñiz a dotarse dun vehículo versátil e de grande utilidade nun municipio rural, pouco poboado, pero cunha extensa rede de infraestruturas que manter. Concretamente, o acordo permitirá adquirir unha autoformigoneira autocargable cunha capacidade de amasado de 3,5 metros cúbicos.

Pola súa banda, o alcalde José Manuel Braña explicou que, desde o peche da única central de elaboración de formigón da zona, a execución das obras no municipio convertérase nunha “misión imposible”.

Ademais do encarecemento, o excesivo tempo que se precisa para transportar o material desde lonxe impide en moitos casos realizar as obras correctamente, xa que o tempo supera o estipulado para o uso axeitado do formigón. Nese sentido, subliñou que “a adquisición dunha autoformigoneira permitirá elaborar con medios propios o material necesario para as nosas obras cun custo asumible”.

⚙ Configurar cookies
0.071218013763428