A Deputación de Lugo esixiralle á Xunta un plan de transporte por estrada para a provincia
A Deputación de Lugo esixiralle á Xunta de Galicia un plan de transporte por estrada para a provincia de Lugo tras unha moción socialista que foi aprobada cos votos a favor do PSdeG e do BNG e cos votos en contra do PP.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, dixo que “a Xunta ten que deixar de tirar balóns fóra, poñerse as pilas e comunicar ben por bus os nosos concellos”. Nese sentido, subliñou que igual que o Estado é o responsable das grandes liñas, facendo unha similitude co tren: do AVE e os servizos de longa distancia; a Xunta “é quen ten as competencias das proximidades”.
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, di que o Estado prevé 40 millóns de euros en axudas para que as comunidades autónomas asuman as rutas da súa competencia e reprochou que a Xunta de Galicia, en lugar de estar pensando en como facer o mellor uso dese investimento non asumen as súas competencias en mobilidade.
O texto da moción recolle, ademais, instar á Xunta de Galicia ao deseño de rutas interiores, tanto dentro da provincia como na comunicación con outros puntos da comunidade galega, garantindo a interconectividade non só entre as grandes cidades, senón tamén nos concellos do rural; e complementar ese servizo cun de “lanzadeiras” que permitan a todos os lucenses conectar axeitadamente cos puntos de enlace das rutas nacionais e internacionais.
Pola súa parte, os populares rexeitaron a proposta do PSOE ao considerar que “pretenden esixir a outros o que quita o Goberno de Sánchez en Madrid”. Na provincia de Lugo, son nove os concellos excluídos do novo mapa estatal (Chantada, Guitiriz, Monterroso, Palas de Rei, Quiroga, Baralla, A Pontenova, Meira e As Nogais). “Gustaríame saber como lles explican os alcaldes socialistas aos seus veciños que Sánchez retira paradas e que iso é unha boa medida para eles. Todo por defender ao número un”, expuxo o portavoz do PP na Deputación, Antonio Ameijide. “Falan de abaratar custos, pero preguntámonos a quen, porque os usuarios terán que mercar, como mínimo, dous billetes para desprazarse a localidades ás que antes si podían viaxar nunha única liña”, engadiu.
Titularidade feminina das explotacións agrogandeiras
O Pleno tamén sacou tamén adiante unha moción dos socialistas para pedirlle á Xunta de Galicia que fomente a titularidade da muller nas explotacións agrogandeiras.
García Porto explicou que a Xunta de Galicia non aproveita a Lei impulsada por José Luis Rodríguez Zapatero para recoñecer o labor das mulleres no rural que, de facto, traballan en pé de igualdade nas explotacións, pero que no papel consta aínda en moitos casos como “axuda familiar”, o que dificulta que accedan a liñas de crédito ou a bens e dereitos vencellados ao rendemento da terra.
Esta moción saíu tamén adiante cos votos a favor do PSdeG e do BNG e os votos en contra do PP. Neste sentido, o Pleno da Deputación deu luz verde a un texto que reclama á Xunta de Galicia que deseñe e desenvolva un conxunto de medidas que fomenten a adscrición da muller nas explotacións agrogandeiras ao réxime única ou compartida, como xeito de poñer en valor o traballo da muller rural e facilitar o seu acceso a todos os dereitos.
PETICIÓN Á XUNTA DE MELLORAR O SAF
O BNG impulsou unha proposta para reclamarlle á Xunta de Galicia que incremente os recursos destinados ao Servizo de Axuda no Fogar de 12 a 20 euros a hora e que reforce os equipos de valoración da dependencia.
Nesta, que se aprobou no pleno provincial, puxo de manifesto o deterioro da atención ás persoas maiores cun tempo de espera media para tramitar a dependencia de 378 días, e a insuficiencia dos fondos que reciben os concellos para financiar este servizo.
“Precisamos dar unha volta ao financiamento para seguir prestando este servizo, que está recaendo sobre as traballadoras sociais que soportan unha carga burocrática inxente e sobre o lombo das traballadoras do SAF que fan un traballo físico e emocional fundamental en postos precarios e mal pagados”, sostivo a portavoz nacionalista Iria Castro, durante a súa intervención, na que reprochou á Xunta.
A deputada nacionalista afeou o voto en contra dos deputados do Partido Popular, “unha deslealdade cara aos seus propios concellos e cara as necesidades das persoas usuarias e das súas familias”, e lembrou a traxectoria dos populares no goberno do Estado e na Xunta respecto da dependencia.
“O goberno de Mariano Rajoy recortou dereitos e prestacións, pero daquela escolleron non protestar” e “agora temos un servizo que pon en risco a estabilidade dos concellos e 2.703 maiores agardando por unha valoración”, recordou a deputada, que acusou ao actual goberno da Xunta de “non querer xestionar”, eludindo reclamar ao Estado a quita da débeda proposta polo BNG.
CONTRA ALTRI
O BNG tamén levou ao pleno provincial unha moción para ratificar o rexeitamento do pleno provincial ao proxecto de construción da macrofactoria de Altri en Palas de Rei, tras a multitudinaria manifestación en contra da celulosa celebrada o pasado 15 de decembro en Compostela, convocada polo colectivo Ulloa Viva e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa.
O vicepresidente da Deputación e deputado nacionalista, Efrén Castro, lamentou que o Partido Popular e Partido Socialista non apoiaran a proposta, que evidencia o impacto no territorio, no medio natural e no patrimonio da macrocelusosa e que dá eco as demandas da sociedade galega que se manifestou multitudinariamente contra este proxecto.
O deputado nacionalista defendeu a mobilización democrática dunha sociedade que non quere esta industria de enclave no seu país fronte “aos intereses económicos” que guían a posición do Partido Popular, da man de Altri.