A Deputación de Lugo está a levar a cabo traballos de xestión do arborado en espazos provinciais

LugoXa
O obxectivo é aplicar as medidas necesarias no Pazo de San Marcos, no Museo Provincial e no Fogar de Santa María para garantir a súa conservación e a seguridade
Plan-Xestión-Arbolado-Deputación-en-Lugo
23 Apr 2025

A área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo comezou os traballos de xestión do arborado do Pazo de San Marcos, o Museo Provincial e o Fogar de Santa María.

O obxectivo é aplicar as medidas necesarias nestes tres espazos provinciais que contan con zonas verdes para garantir tanto a súa conservación como a seguridade das persoas que transitan por eles.

O investimento para levar a cabo todos estes traballos é de preto de 18.000 euros e realizaranse de forma progresiva, priorizando os máis urxentes.

O estudo, elaborado polos técnicos do Servizo de Medio Ambiente, analizou preto de 50 exemplares e propón actuacións concretas segundo o seu estado. Están previstas podas de seguridade e saneamento, instalación de ancoraxes en árbores de gran porte, análises instrumentais en exemplares que presentan feridas ou anomalías, e tamén a tala dalgunhas árbores que supoñen un risco elevado.

Pola súa parte, o plan responde á necesidade de facer unha xestión responsable do arborado, combinando a seguridade das persoas coa preservación do patrimonio natural. No caso do Pazo de San Marcos, por exemplo, hai especies como magnolios e coníferas moi antigas, que precisan coidados especiais.

Con esta actuación, a Deputación reafirma o seu compromiso coa protección dos espazos verdes e cunha xestión sostible e segura do medio natural de titularidade provincial.

⚙ Configurar cookies
0.16246795654297