A Deputación de Lugo financia a mellora da drenaxe en Cancio, en Negueira de Muñiz

A institución provincial achegará preto de 43.000 euros para ampliar a estrada afectada polas inundacións tras os lumes de 2017
alcalde-Negueira-de-Muñiz-con-presidente-Deputacion
18 Aug 2025

A Deputación de Lugo e o Concello de Negueira de Muñiz veñen de asinar un acordo para mellorar a drenaxe dunha estrada municipal situada no lugar de Cancio, á marxe dereita do encoro de Salime.

O presidente provincial, José Tomé Roca, e o alcalde, José Manuel Braña, formalizaron o convenio polo que a institución achegará preto de 43.000 euros, que se suman aos máis de 5.000 que destina o propio municipio da Montaña.

A vía viña sufrindo problemas recorrentes de desbordes de auga, especialmente dende os incendios de 2017, xa que a drenaxe transversal existente resulta insuficiente para evacuala. Isto provoca que a auga circule de xeito descontrolado sobre o firme, deteriorando a estrada, que ademais é demasiado estreita pola orografía da zona.

A actuación permitirá substituír a actual drenaxe por marcos de formigón armado de maiores dimensións e levantar unha escollera de pedra, o que suporá un incremento de catro metros no ancho da vía.

Tomé Roca enmarcou esta intervención na liña de cooperación cos concellos que guía o labor do executivo provincial e subliñou que cunha “pequena” colaboración conseguirase un avance “enorme” para mellorar a seguridade da veciñanza e das persoas usuarias desta estrada.

⚙ Configurar cookies
0.20497393608093