A Deputación de Lugo firma un convenio coa FEAFES para achegar á Federación 34.000 euros

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O programa de intermediación laboral e prácticas laborais que ofrece FEAFES vai dirixido ás persoas que padecen problemas de saúde mental
Convenio-FEAFES-Deputación-de-Lugo
5 Ago 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou co presidente da Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental de Galicia (FEAFES), Manuel Fernández Prado, un convenio mediante o cal a institución provincial achega 34.000 euros para colaborar co programa de intermediación laboral e prácticas laborais que ofrece FEAFES.

Esta iniciativa vai dirixida ás persoas que padecen problemas de saúde mental, un colectivo que sofre importantes dificultades para acceder ao mundo empresarial. Este proxecto pon a disposición dos usuarios e usuarias un servizo de inserción laboral específico que ten en conta as súas características e dificultades e que se centra principalmente na intermediación laboral e na realización de prácticas.

O obxectivo é tratar de promover o desenvolvemento profesional das persoas con problemas de saúde mental a través da aprendizaxe en situacións laborais reais.

Nesta liña, FEAFES Galicia pretende por unha banda, detectar e crear novas posibilidades de ocupación que faciliten o acceso deste colectivo ao mercado laboral, ao tempo que trata de eliminar os prexuízos existentes na sociedade sobre as capacidades profesionais e produtivas das persoas con problemas de saúde mental.

Concretamente, a través desta achega económica que realiza a Deputación de Lugo FEAFES contratará a un profesional que realizará tarefas de prospección no mercado de traballo para persoas que padecen problemas de saúde mental que residan na provincia de Lugo. Ademais, esta colaboración tamén permitirá a inserción laboral de persoas que padecen problemas de saúde mental a través dunha bolsa de prácticas.

Este programa diríxese ás persoas con problemas de saúde mental inscritas no Servizo de Inserción Laboral en situación de desemprego e fomenta o desenvolvemento de acordos con empresas. Así mesmo, sensibiliza sobre a igualdade de oportunidades de acceso ao emprego ou forma dentro da empresa a persoas traballadoras en sectores especializados. Ademais, os usuarios poden aplicar as súas competencias e capacidades na práctica real dun traballo, aumentar a súa capacidade profesional e enriquecer o seu currículo, entre outras cuestións.

0.20597910881042