A Deputación de Lugo firma un convenio de 50.000 euros para o desenvolvemento do Arde Lucus

LugoXa
A achega da Deputación permitirá ao Concello de Lugo adquirir material para a confección de traxes de época; cubrir os gastos do programa oficial; e a instalación de infraestruturas
arde_lucus_2024
16 May 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aproba un convenio de colaboración co Concello de Lugo polo que lle achega  50.000 euros para a celebración do Arde Lucus deste ano 2025, que se celebra entre o 12 e o 15 de xuño.

“Esta aportación responde a un compromiso do presidente co alcalde de Lugo para impulsar esta festa que é xa un símbolo da nosa identidade, un referente internacional da recreación histórica e, que representa un dos principais motores económicos, culturais e turísticos da provincia”, destacou Rivera Capón.

Neste senso, o deputado referiuse ao impacto económico e promocional que xera o Arde Lucus: “Esta festa mobiliza arredor de 12 millóns de euros en retorno económico e sitúa a Lugo no mapa internacional, cun impacto directo en sectores estratéxicos como a hostalaría, o comercio, a restauración e os servizos turísticos. Durante eses días, Lugo acada niveis de ocupación hoteleira próximos ao 100 % e recibe ao redor de medio millón de visitantes, converténdose nun escaparate que proxecta ao exterior a cidade e a provincia”, engadiu.

Detallou que a achega da Deputación permitirá ao Concello de Lugo adquirir material para a confección de traxes de época; cubrir os gastos derivados da elaboración, impresión e distribución do cartel e do programa oficial; e a contratación para a instalación de infraestruturas clave, como a bancada do Pavillón dos Deportes para o Circo Romano, “un dos espectáculos máis atractivos e concorridos da festa de recreación histórica”.

Engadiu, ademais, que a institución provincial colabora tamén con esta festa coa cesión de espazos públicos, a promoción do evento a través do seu Servizo de Audiovisuais, campañas publicitarias e participación en feiras turísticas e medios de comunicación.

⚙ Configurar cookies
0.17021083831787