A Deputación de Lugo garante o apoio á prestación dos GES

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Pide á Xunta que se prorrogue por un ano o actual convenio, e durante ese tempo consensuar un novo modelo para un servizo profesionalizado
bombeiros ges emerxencias2
4 Dec 2021

A Deputación de Lugo volveu a garantir na reunión da comisión de seguimento dos GES celebrada este venres o seu apoio á prestación do servizo, así como a súa firme vontade de avanzar no deseño dun novo modelo de funcionamento. A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, subliña que non se trata de poñer en cuestión o servizo, senón de mellorar o sistema de prestación do mesmo.

A institución provincial aposta pola substitución do actual modelo por outro que avance na profesionalización dos GES e que modifique o actual marco laboral do persoal. Neste sentido, na reunión propúxolle á Xunta de Galicia prorrogar por un ano o convenio actual, en vigor ata finais deste 2021, e durante ese tempo buscar e consensuar, dende a lealdade institucional, un novo modelo que garanta un servizo profesionalizado e que evite a fraude na contratación por parte dos concellos por mor do incumprimento da lexislación laboral, tal e como xa acreditan reiteradas sentenzas xudiciais. Estes ditames demostran que non é posible manter un sistema que leva a perpetuar vicios e irregularidades que se coñecen de antemán.

Polo que respecta ao marco de financiamento, a Deputación de Lugo lembra que as administracións provinciais duplicaron as súas contribucións porcentuais no período 2019-2021, polo que reclaman que o modelo non supoña novos incrementos. Neses anos, a contribución provincial pasou de significar o 20% do orzamento dos GES ata chegar a un 40%, mentres a Xunta reducía a súa participación do 60 ó 52%.

 A entidade reclama á Xunta que acabe cos intentos de imposición e que adopte unha actitude de diálogo porque todo convenio de colaboración leva implícito un acordo entre as partes. Tamén demanda que o Goberno autonómico teña en conta a opinión e a vontade dos concellos, e que non tome decisións unilaterais.

Neste sentido, destaca que a Xunta non explicou aínda por que o GES que estaba decidido crear en Baleira finalmente non se constituíu e, sen embargo, intenta impoñerllo á Fonsagrada, cando este Concello manifestou que non está en disposición de acollelo.

Do mesmo xeito, pide que se teña en conta a petición dos concellos de Folgoso de Courel e de Quiroga para manterse como sub-bases con 6 efectivos cada unha, así como o desexo de Ribas de Sil de contar con outra sub sede na localidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1819269657135