A Deputación de Lugo impulsa a creación dun bosque comestible no paseo do Rato

O espazo permacultural Lugar de Reque, no paseo do río Rato en Lugo, acolle desde esta semana os traballos de creación dun bosque comestible, un innovador sistema agroforestal impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Este proxecto prevé a plantación de máis dun centenar de especies vexetais que medrarán nos vindeiros anos, configurando un ecosistema sustentable nunha parcela de 400 metros cadrados.
O equipo responsable do proxecto xa iniciou o transplante e sementa de especies leñosas, froiteiras, arbustos, trepadoras, bulbos, tubérculos, plantas hortícolas e aromáticas, que se están a distribuír pola finca xunto ás especies autóctonas que medran de forma natural na contorna fluvial, como amieiros, salgueiros ou sabugueiros.
O deseño do bosque comestible baséase nun modelo de estratificación natural, combinando árbores de gran porte, plantas baixas e mesmo fungos, de maneira que o propio ecosistema será quen de regular a humidade do solo e xerar nutrientes de forma autónoma. Ademais, a selección das especies garante floracións e colleitas ao longo de todo o ano, favorecendo a biodiversidade e a autosuficiencia do sistema.
O vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, destacou que “se trata do inicio dun traballo que se irá facendo máis visible co paso das estacións e o crecemento das plantas, e que avanza na recuperación e na revitalización deste espazo público como lugar de aprendizaxe destas técnicas de cultivo, que procuran un aproveitamento sostible dos recursos”.
Este bosque comestible, que alcanzará o seu máximo esplendor e madurez produtiva nun prazo de dez anos, súmase a outras actuacións desenvolvidas no Lugar de Reque nos últimos dous anos, como a creación dun estanque para especies polinizadoras, a instalación dun sistema de compostaxe para residuos orgánicos e a rehabilitación con bioconstrución do centro de cestería existente na parcela.
Con esta iniciativa, Lugo aposta por modelos de produción ecolóxica e educación ambiental que fomentan a conexión coa natureza e o coidado do territorio.