A Deputación de Lugo impulsa a quinta edición do Celme de Zanfona no Centrad

LugoXa
O encontro celebrarase do 24 ao 26 de outubro e destacará o papel de Lugo na recuperación da zanfona en Galicia, cunha homenaxe a Jesús Pérez González e actividades arredor do canto e a artesanía musical
Celme-de-Zanfona-25
21 Oct 2025

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo organiza a quinta edición do Celme de Zanfona, un encontro dedicado a este instrumento de longa tradición que se celebrará entre o 24 e o 26 de outubro no Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) da capital lucense.

O encontro porá en valor o papel destacado da provincia de Lugo e do obradoiro de instrumentos da Deputación na revitalización da zanfona en Galicia, ademais de render homenaxe a Jesús Pérez González, artesán que continuou o traballo iniciado polo seu pai, Paulino Pérez, no obradoiro provincial promovido por Antón de Marcos, xunto cos monfortinos Amadeo Goyanes e Guillermo Álvarez.

Esta herdanza histórica, que contribuíu a enriquecer o patrimonio cultural e musical galego, será abordada en relatorios de Xoan Ramiro Cuba e Pablo Quintana, así como na proxección do documental A cega de Miranda e a mudanza dos roles, de Ricardo Polín.

En sintonía coa homenaxe ás cantareiras das Letras Galegas, as clases maxistrais desta edición centraranse no canto tradicional, con sesións impartidas por Branca Villares, Xosé Quintas Canella e Antía Riveira, que explorarán a conexión entre as tradicións actuais e as medievais.

As actuacións musicais estarán a cargo de Martín Blanes, Cantometrics e Abel Oliveira Miranda, considerado unha das novas promesas da interpretación da zanfona.

PRESENTACIÓN

A presentación do evento contou coa participación do vicepresidente da Deputación, Efrén Castro, do coordinador do programa e director da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros do Centrad, Luciano Pérez, do tenente alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, e da concelleira de Educación e Difusión do Coñecemento, Iria Buíde.

Efrén Castro destacou “a consolidación deste encontro, que naceu coa intención de dinamizar e proxectar o patrimonio musical do Centrad, reunido na Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros, e coa vontade de dar continuidade á tradición de formación e investigación xerada durante décadas polo obradoiro de construción de instrumentos, pioneiro na recuperación da zanfona”.

Pola súa banda, o tenente alcalde Rubén Arroxo salientou “a importancia deste evento para afianzar a imaxe de Lugo como referente no estudo, na construción e na interpretación da zanfona, un instrumento que continúa a sumar intérpretes, como se comprobou recentemente nas festas do San Froilán coa estrea do grupo Zarandela”.

⚙ Configurar cookies
0.075731992721558