A Deputación de Lugo impulsa o Parque Central de Antas e un novo centro para maiores en Cervantes

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, destacou o avanzado estado das obras do Parque Central de Antas de Ulla e a licitación do proxecto do Centro de Atención a Maiores de Cervantes, dúas iniciativas que reforzan o compromiso da institución provincial cos concellos desta provincia.
No caso do Parque Central de Antas, situado en Nugallás, a Deputación ten xa executados os accesos e a estrada principal, e prevese a súa finalización no outono. A obra inclúe zona infantil, edificio multiusos, fontes ornamentais e espazos de paseo e lecer.
“O obxectivo deste proxecto é poñer en valor o Centro Xeográfico galego situado nesta parroquia de Antas para convertelo nun polo turístico, así como nun revulsivo económico e social para toda a provincia. Teremos 4 hectáreas para desfrutar, con servizos para nenos e familias, que tamén serán un atractivo turístico para a provincia”, sinalou o presidente da Deputación.
Pola súa parte, falou da licitación da redacción do proxecto do futuro Centro de Atención a Maiores de Cervantes (CAM), cun orzamento de 110.000 euros e que se situará na rúa Deputación, en San Román, que forma parte do modelo impulsado pola institución provincial para garantir unha atención de calidade ás persoas maiores neste concello da Montaña luguesa.
Segundo explicou Tomé, “o centro de atención a maiores de Cervantes seguirá o modelo propio da institución, baseado en centros de pequeno tamaño, entre 30 e 39 prazas, con 25 postos de traballo directos, integrados nos núcleos de poboación e cun enfoque centrado na atención personalizada”.
“Temos que licitar o proxecto, levalo a cabo e abrir. No próximo mandato confío en que estará aberto e en funcionamento. A nosa vontade é seguir chegando a onde non chega a Xunta nin a iniciativa privada. Aí está a Deputación: xunto aos veciños e as veciñas, para que non se deslocalicen, para que non teñan que marchar fóra de onde viviron sempre. Os nosos maiores merecen ter unha calidade de vida excelente nos últimos anos”, subliñou.