A Deputación de Lugo impulsa residencias literarias para autores e tradutores da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A proposta, organizada en colaboración coa Residencia Literaria 1863, inclúe estadías durante o mes de agosto de 2025 en centros culturais situados en Polonia e Islandia
residencias-literarias-provincia-de-Lugo-2025
5 May 2025

A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo vén de presentar unha nova iniciativa que permitirá a autores/as e tradutores/as literarios/as da provincia gozar de dúas residencias creativas internacionais.

A proposta, organizada en colaboración coa Residencia Literaria 1863, inclúe estadías durante o mes de agosto de 2025 en centros culturais situados en Polonia e Islandia.

A deputada de Cultura, Iria Castro, presentou este venres a convocatoria acompañada pola escritora e Premio Nacional de Poesía, Yolanda Castaño, quen dirixe o proxecto. Ambas destacaron que a iniciativa busca apoiar a creación e a tradución literaria en galego, ofrecendo condicións de excelencia para o desenvolvemento de proxectos persoais nun entorno inspirador e afastado da rutina cotiá.

As residencias consisten en dúas bolsas que cobren traslado, manutención e aloxamento durante un mes na aldea de Krzywogoniec (norte de Polonia), na Fundación czAR(T) Krzywogońca, e á beira do lago Laugarvatn (suroeste de Islandia), no Centro para a Creatividade Gullkistan. A elección destes espazos responde ao obxectivo de fomentar a proxección internacional dos e das profesionais lugueses, conectándoos con outros contextos rurais europeos de alta actividade cultural.

A convocatoria está dirixida a escritores/as en lingua galega con polo menos un libro publicado, así como a tradutores/as con experiencia demostrable na tradución de literatura, nados/as ou residentes na provincia de Lugo. As persoas interesadas deberán enviar unha memoria do proxecto, bio-bibliografía, carta de motivación e mostra de traballos anteriores entre o 5 e o 25 de maio ao correo electrónico 1863coruna@gmail.com.

As solicitudes serán valoradas por un xurado experto designado polas entidades organizadoras, e a resolución farase por concorrencia competitiva. A convocatoria poderá consultarse a partir deste luns na web oficial da Deputación de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.16010689735413