A Deputación de Lugo impulsa un proxecto pioneiro sobre cumprimento normativo

LugoXa
A cita está dirixida a entidades públicas e privadas interesadas en mellorar a súa xestión normativa
Deputación-de-Lugo
20 Mar 2025

A Deputación de Lugo lidera un ambicioso proxecto sobre cumprimento normativo, co obxectivo de concienciar e formar sobre as mellores prácticas nesta materia, tanto no ámbito público como no privado.

A iniciativa arrancará este mes de marzo cunha xornada divulgativa aberta e gratuíta, que se celebrará o vindeiro xoves, día 27, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos a partir das 9.30 horas.

A cita está dirixida a entidades públicas e privadas interesadas en mellorar a súa xestión normativa, e as inscricións poden realizarse a través da web compliancelugo.com.

Durante a xornada, os asistentes poderán coñecer de primeira man as vantaxes do cumprimento normativo, as claves para unha xestión eficaz e os beneficios que supón a súa implementación. O programa inclúe charlas, conferencias e mesas redondas a cargo de recoñecidos expertos no ámbito xurídico, como Alain Casanovas Isla, socio de KPMG e responsable nacional da área de compliance, que será o encargado de abrir o programa cunha ponencia introdutoria sobre o sistema interno de información.

Tamén destacan no programa unha entrevista con Ricardo Ron, subdirector da Autoridade galega de protección da persoa informante, e unha mesa de debate centrada no compliance no sector público con especialistas universitarios e avogados de referencia. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre a figura do compliance officer, con representantes de Navantia e Caixa Rural Galega.

Xa pola tarde, desenvolveranse dous talleres de traballo específicos para grupos reducidos de 10 a 12 persoas, dirixidos separadamente a entidades públicas e privadas, para profundizar na aplicación práctica do cumprimento normativo.

Este encontro marca o inicio dun proxecto integral da Deputación de Lugo, que se prolongará durante un ano e estará aberto á participación de todos os concellos da provincia. A iniciativa inclúe unha fase de diagnose, formacións especializadas, servizo de asesoramento e consultaría, así como ferramentas específicas para mellorar os sistemas internos de cumprimento normativo.

O proxecto permitirá aliñar as institucións da provincia coa Lei 2/2023, mellorar a xestión de denuncias e solicitudes, fortalecer a eficiencia organizativa, fomentar a transparencia e reforzar a reputación institucional dos concellos lucenses.

Programa da xornada divulgativa

  • 09:30 horas. Recepción dos asistentes
  • 10:00 horas. Presentación institucional a cargo do presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca
  • 10:15 horas. Introdución ao Compliance e ao sistema interno de información, por Alain Casanovas Isla (KPMG)
  • 11:00 horas. Entrevista a Ricardo Ron (Autoridade galega de protección da persoa informante), por Juan Pablo Lerena
  • 11:45 horas. Pausa para café
  • 12:15 horas. Compliance no sector público, con Alejandro Canónico, José Ignacio Herce, Fernando González e Lourdes del Amo. Modera Cristóbal Dobarro
  • 13:15 horas. Mesa redonda sobre compliance officers, con Paul Rodríguez (Navantia) e Alberto Pallón (Caixa Rural Galega). Modera Alberto García (Asociación Galega de Compliance)
  • 14:00 horas. Clausura da xornada, a cargo do deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón
⚙ Configurar cookies
0.13765621185303