A Deputación de Lugo impulsa unha batería de investimentos para modernizar infraestruturas en tres concellos

LugoXa
A renovación integral da Avenida Adolfo Suárez, en Lugo, destaca cun investimento superior aos 800.000 euros
deputacion-lugo-san marcos
13 Dec 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo vén de aprobar un amplo paquete de investimentos destinados á execución de novas obras e á mellora de servizos públicos en seis municipios da provincia, nun esforzo por reforzar as infraestruturas locais e avanzar na modernización do territorio.

Entre os acordos máis destacados figura a renovación integral da Avenida Adolfo Suárez, no Concello de Lugo, unha das principais portas de entrada á cidade desde a Fervedoira. A Deputación, responsable tamén da redacción do proxecto, destinará máis de 800.000 euros á transformación desta vía estratéxica, que conecta coa Campiña, o Hospital Lucus Augusti, a A-6 e a N-640. Ademais, a reforma garantirá unha mellor accesibilidade cara á futura Estación Intermodal.

O plan desenvolverase en dúas fases. Na primeira, actuarase no tramo urbano situado entre a glorieta de Serra de Meira e Montero Ríos, onde se renovará o firme, actualizaranse os servizos soterrados e nivelaranse as tapas de sumidoiros. Procederase tamén á eliminación de fitos e sinais previos á pavimentación, así como á renovación da sinalización horizontal con pintura reflectante. A segunda fase incluirá a urbanización completa do resto da avenida, incorporando dous carrís de 3,50 metros, beirarrúas laterais de 0,50 metros e paseos peonís de 2 metros, ademais da creación dunha nova glorieta para mellorar a fluidez do tráfico e incrementar a seguridade viaria.

Xunto á actuación viaria, a Deputación aportará 50.000 euros ao Concello de Lugo para apoiar os actos organizados pola capital con motivo da celebración da súa declaración como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Nos demais concellos incluídos neste paquete inversor tamén se acometerán actuacións relevantes. En Castroverde, aprobouse unha achega de 50.000 euros para a compra dun tractor de segunda man, destinado ás tarefas de roza, mantemento e limpeza da rede de camiños municipais.

Pola súa banda, en Antas de Ulla autorizouse a contratación da obra de construción dun novo almacén destinado a gardar maquinaria e ferramentas agrícolas e forestais no Parque Central de Galicia, situado en Nugallás. A edificación, cun investimento próximo aos 17.500 euros, levantarase nunha parcela provincial de 15.452 metros cadrados, con acceso previsto desde un camiño municipal. O novo inmoble terá unha planta rectangular de 12,60 por 8,60 metros —108 metros cadrados en total—, con cuberta a dúas augas de tella curva, zócolo de granito e acabados en morteiro hidrófugo, mantendo a estética tradicional do complexo.

Con estes investimentos, a Deputación reafirma o seu compromiso coa mellora constante das infraestruturas públicas e co apoio aos concellos da provincia no desenvolvemento de proxectos que repercutan directamente na veciñanza.

⚙ Configurar cookies
0.12126088142395